Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Empresas de diversos sectores solicitan traballadores ao CIFP Porta da Auga, mais non conta con estudantes dabondo para cubrir a demanda

Por 27 Marzo, 2019Sin comentarios

Empresas de diversos sectores están solicitando continuamente ao CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, traballadores de ciclos formativos nos que hai pouco alumnado ou incluso xa non se imparten actualmente no centro por falta de matrículas. Polo tanto non hai estudantes suficientes para cubrir a demanda de emprego en determinadas ensinanzas como Electricidade ou Carrozaría. Esta situación foi dada a coñecer polo director dous profesores do centro: o director, Isidro Berdeal, e o xefe do departamento de Electricidade, Benito Fernández.

Benito Fernández explicou que “a problemática que estamos notando desde hai xa varios anos é que hai un descenso no número de alumnos das familias tradicionais da Formación Profesional, como Mecánica, Electricidade, Carrozaría ou Albanelería, estudos que son os oficios tradicionais, que son as primeiras familias profesionais que se montaron na FP. Mentres que noutras especialidades de nova implantación si hai moita demanda de matrículas, de 30 alumnos e máis, incluso con lista de espera, pero non teñen tanta saída laboral, resulta que as nosas familias profesionais tradicionais non teñen alumnos. Hai unhas boas dotacións, que se conseguiron ao longo de moitos anos que levan funcionando nos centros de FP, e non hai alumnos. E, polo contrario, si hai moita demanda de emprego por parte das empresas. Nosoutros estamos atopándonos con que grandes e medianas empresas de instalacións eléctricas en liña, de montaxe, de mantemento de centros de transformación, de estaleiros, construción de barcos, fábricas que aumentan a súa produción, que nos piden profesionais e non hai a quen mandarlles. Temos algunha empresa que nos chama todas as semanas para que lles mandemos alumnos en prácticas e outros xa para traballar. Temos incluso ciclos de formación profesional ocupacional para xente desempregada, por exemplo o ano pasado demos un curso onde practicamente todo o alumnado acabou encontrando emprego. Igual ocorre cos ciclos formativos, temos pouca demanda de alumnos e moita demanda de postos de traballo. Precisamente agora estamos dando un curso de megafonía e de circuíto cerrado de televisión, que segundo a Consellería de Traballo é un dos que máis saídas ten. Hai unha rama que ten bastantes alumnos como é Electromecánica, pero por exemplo para Carrozaría non hai alumnos pero si ten demanda. Cando as empresas chaman ao centro pedindo alumnos non temos a quen mandarlles porque non hai estudantes suficientes para cubrir a demanda das empresas”.

E Isidro Berdeal engadiu que “na familia de Carrozaría este curso suprimiuse a oferta que tíñamos de ciclo medio por falta de alumnado matriculado, non alcanzamos o mínimo que esixe a Consellería. Sen embargo os talleres seguen chamando, aínda sabendo que non temos ese ciclo este ano, porque necesitan profesionais tanto para a área de Carrozaría como de Pintura, pero non temos eses alumnos formados nin desta promoción, que non se puido impartir, nin tampouco de promocións anteriores porque  xa están traballando”.