Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Remata o obradoiro de organización e dixitalización do arquivo do concello de Ribadeo

Por 27 Marzo, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, participou na entrega de diplomas aos participantes no obradoiro de emprego Doc-Tic III no que 15 mozos e mozas, menores de 30 anos, realizaron traballos de organización e dixitalización de fondos do arquivo municipal. O acto contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e da  xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández López.

O rexedor dirixiuse aos alumnos dicíndolles que “foi unha grata experiencia para nosoutros. Foi un dos mellores obradoiros que houbo nunca, polo menos no que eu coñecín no tempo que levo por aquí. Vin unha responsabilidade moi grande por parte dos alumnos que veñen a aprender e das profesionais que veñen a ensinar, vin unha responsabilidade colectiva moi grande. Seguramente a algúns de vos sírvevos de experiencia, non para traballar no mesmo, pero si vos vai servir para darvos unha autoestima de que na vida se plantexan retos diferentes dos que un non pensa na vida. Igual vosoutros nunca pensariades estar nun arquivo cheo de po para dixitalizar algo non, pero que ao final ten unha utilidade, iso vai quedar para sempre, a través das novas tecnoloxías, para ser accesible a todo  o mundo e poder evidenciar ao mundo que Ribadeo ten unha historia de séculos. Máis importante que o título é ter a experiencia de ter retos diferentes e poder encaralos, e a partir de aí abrir a mente e tela moito máis diversificada para moitas cousas”.

O alcalde engadiu que “como aínda non temos todo o arquivo dixitalizado, se houbera máis, para futuros anos, posibilidades de seguir con formación deste tipo sería moi ben vida, entendo que por todos os Concellos da provincia, pero singularmente polos que teñen unha certa historia como Ribadeo. Poderíamos estar moi interesados en seguir colaborando con este tipo de actuacións porque se está facendo un traballo moi bo, que repercute non soamente en historiadores que de vez en cando poidan vir ver un acta do século XVI senón tamén nos veciños, no día a día, cando necesitan, por unha cuestión legal, un expediente dunha licenza de obra ou de actividade dun inmoble do ano 1937, igual agora non era posible, pero a partir de agora vai ser moito máis doado polo traballo enorme de dixitalización. Polo tanto moitos parabéns a todos os participantes e moitas grazas, institucionalmente, á Xunta de Galicia”.

A presente edición do obradoiro de emprego Doc-Tic, promovido polo Concello de Ribadeo, contou coa subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 91,89%, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, permitiu a contratación temporal durante seis meses de 16 menores de 30 anos, dos que 15 remataron o obradoiro. Dúas foron as especialidades impartidas: operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e produción fotográfica.

En paralelo á cualificación profesional realizáronse traballos de organización, descrición e dixitalización de parte da documentación así como actividades de difusión para dar a coñecer o arquivo municipal e a documentación máis significativa atendendo ao seu valor informativo, histórico ou pola súa singularidade.

A modo de síntese desde o Concello de Ribadeo destacan, no que respecta á organización, descrición e dixitalización: a introdución de 10.000 novos rexistros na base de datos XARAL, que corresponden á documentación contida en 1.000 caixas ou unidades de instalación. A documentación de obras e urbanismo está descrita a nivel expediente, tamén se informatizou a descrición dos fondos de tesourería e facenda; a dixitalización de 97 libros de actas, 26 expedientes relativos á Guerra Civil, ao franquismo e ao exilio e 7 planos da Torre dos Moreno, copias dos orixinais en papel prestadas por Ernesto Cruzado, que se restauraron coas ferramentas de retoque fotográfico. Esta actuación permite incorporar copia dixital dos planos dun edificio emblemático da vila que non formaban parte do fondo do arquivo.

En cifras, esta dixitalización supón a creación de máis de 20.332 arquivos en RAW que recibiron o tratamento dixital axeitado co fin de conseguir unha copia máster en TIFF, unha copia en JPEG (formato a máis baixa resolución para a consulta), a creación de miniaturas para a súa previsualización e o gardado de cada un dos libros en PDF.

No relativo á difusión do arquivo, dos seus fondos e a súa riqueza patrimonial ademais de dar a coñecer as actividades do obradoiro, convén relacionar: a elaboración dun tríptico informativo do arquivo municipal; o deseño, programación e desenvolvemento de visitas guiadas; a elaboración de reportaxes fotográficas sobre a vila de Ribadeo; a montaxe dunha exposición de fotografía coa selección de imaxes realizadas para os proxectos fotográficos e os correspondentes catálogos e carteis; e o deseño da páxina de consulta interna da documentación dixitalizada e actualización da páxina web.

Desde o Concello subliñan que “os resultados dos traballos deste obradoiro DOC-TIC II foron realmente positivos e na súa consecución resultou fundamental a colaboración e coordinación entre as dúas especialidades e os seus integrantes”.