Skip to main content
A PontenovaActualidadeAMARIÑAXARiotorto

A Deputación e o concello de Meira inician a recuperación da Vía Rexia que pasa polos concellos de Riotorto e A Pontenova

Por 27 Marzo, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este martes que a Deputación promoverá a recuperación da Vía Rexia do Norte, unha ruta de peregrinación que atravesa 8 Concellos da provincia de Lugo e de Asturias, concretamente dende Castropol a Lugo. O primeiro documento existente sobre esta ruta de peregrinación data do 1240, o que a converte na ruta máis antiga da provincia. Fíxoo nun encontro con representantes de varios destes Concellos no que informou do inicio este mesmo ano do proxecto para o estudo e recuperación deste vía, que abrangue aos Concellos de Meira, A Pontenova, Riotorto, Pastoriza, Castro de Rei e Lugo así como 2 asturianos, Vegadeo e San Tirso de Abres.

A pesares de que a Vía Rexia do Norte non é unha ruta recoñecida oficialmente, conta cada vez con máis camiñantes pola provincia de Lugo. Tendo en conta esta situación, a Deputación e os Concellos implicados, buscan establecer novas medidas para recuperar, protexer e promover a ruta, co fin de que sexa, nun futuro, recoñecido oficialmente.

As actuacións enmarcadas dentro desta iniciativa arrancan este mesmo ano cunha primeira fase de estudo global para recuperar o trazado histórico, co fin de respectar ao máximo o camiño orixinal para, no 2020, realizar labores de sinalización tanto da propia Ruta como dos itinerarios culturais, medioambientais e arquitectónicos da zona.

Tal e como avanzou o Presidente, o que se busca é recuperar esta vía, e os itinerarios de cada un dos Concellos que integran a Vía Rexia, co fin de conseguilo antes do Ano Xacobeo 2021. 

Actuacións para a recuperación da Vía Rexia do Norte

Este proxecto arranca coa fase de delimitación do trazado da Vía Rexia. A primeira das actuacións é a delimitación do trazado orixinal mediante o estudo previo de documentación existente sobre os tramos históricos, que permanecen en uso con características tradicionais, e sobre aqueles camiños que se perderon fisicamente pero dos que quedan vestixios históricos documentados. A continuación, realizaranse bases cartográficas dos Concellos polos que pasa a Vía Rexia, así como de toponimia.

De seguido, e nunha segunda etapa, búscase a mellora e reforma dos camiños existentes, co fin de sinalar este percorrido que arranca en Castropol e Lugo, que enlaza tamén con outros itinerarios do Camiños de Santiago. Ademais de iniciar a recuperación do trazado orixinal peonil, tamén se identificarán todos os puntos no que é necesario realizar obras, e farase un profundo estudo de bens patrimoniais e dos lugares integrados nesta ruta.

Participantes na xuntanza

No acto de presentación deste proxecto en impulso da Vía Rexia participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado; o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, o Alcalde de Vegadeo, Cesar Álvarez, e a Alcaldesa de San Tirso de Abres, Goretti Quintana.