Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O sector pesqueiro reúnese coa Xunta para analizar o futuro reparto da xarda

Por 28 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, reuníronse esta tarde cos presidentes e os secretarios das federacións provinciais e galega de confrarías de pescadores para estudar os criterios e argumentos a defender por Galicia en relación ao reparto das posibilidades pesqueiras da xarda no caladoiro Cantábrico Noroeste.

A Xunta convocou este encontro cos representantes do sector de Galicia despois de que onte o Goberno central anunciase creación dun grupo de traballo para estudar futuras opcións para o reparto da cabala durante unha reunión que a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mantivo con representantes do sector e do Goberno asturiano. Unha xuntanza bilateral que tivo lugar trala dimisión de 17 dos 18 patróns maiores das confrarías de pescadores asturianas.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que o obxectivo da reunión de hoxe co sector galego convocada pola Xunta é “analizar os datos dispoñibles e as posibilidades dos diferentes criterios que poden favorecer á mellor xestión da pesqueira da xarda” de cara a próxima reunión que convoque o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e que anunciou ao resto das comunidades autónomas tras terse reunido con Asturias.

A titular de Mar explicou que Galicia realiza este traballo respectando a premisa de lealdade que sempre mantivo co Goberno central e co resto das administracións autonómicas do Cantábrico en relación aos criterios de reparto da xarda que foron anteriormente acordados e que están actualmente en vigor. Este reparto foi realizado contando coa base fundamental dos datos históricos de capturas desta especie, outorgándose maiores posibilidades de pesca a aquelas frotas que viñeron centrando a súa actividade nesta especie durante máis anos e a través do cal Galicia saía beneficiada nas especies das que foi tradicionalmente dependente, coma o caso do xurelo.

Non obstante, de cara a posible modificación dos criterios de reparto de cotas de xarda para artes menores no Cantábrico suxerida polo Goberno central, a conselleira entende o novo escenario que abre este ano a entrada en vigor da obriga de desembarque, pero esixe que Galicia sexa tida en conta e que non se primen a unhas frotas sobre outras.