Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro abriu as súas portas en marzo

Por 5 Marzo, 2019Sin comentarios

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, situada na Praza da Catedral de Mondoñedo, abriu as súas portas oficialmente en marzo, logo dos traballos de rehabilitación realizados no inmueble e de que finalizase o desenvolvemento do proxecto museográfico, no cal a Consellería de Cultura investiu 120.000 euros a través dun convenio co Concello.
Este museo nace en Mondoñedo como un espazo moito tempo esperado e dedicado a quen é, de certo, o escritor en galego máis brillante do século XX e un dos grandes autores en lingua castelá. A Casa-Museo agarda ao visitante ou ao viaxeiro na praza da catedral de Mondoñedo, en pleno centro histórico desta vella cidade episcopal. A este edificio de tres plantas, sito no número 13 da praza da Catedral, oito anos despois do pasamento de don Joaquín, o pai de Álvaro Cunqueiro (1941), trasládanse os irmáns Pepe, Álvaro e Carmen dende a vivenda da Fonte Vella.
Pouco tempo despois do seu regreso a Mondoñedo en 1947, Cunqueiro instalará permanentemente a súa residencia (cara a 1949) neste inmoble do Cantón Grande mindoniense. Aquí verán a luz nos anos sucesivos algunhas das súas obras máis senlleiras, entre elas Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Las mocedades de Ulises (1960) ou Escola de menciñeiros, por poñer só algúns exemplos.
A planta baixa da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, á que se accede dende os soportais do chamado Cantón Grande, alberga a recepción aos visitantes e un punto de información turístico e acolle, ademais, na súa parte interior, a Taberna de Galiana.
O primeiro andar do edificio que habitou Álvaro Cunqueiro ao longo de tres décadas alberga, por unha banda, a cociña do establecemento hostaleiro e, por outra, na estancia que mira á praza da catedral, o que chamamos “sala sensorial”:
A segunda planta do edificio divide os seus espazos entre o comedor do establecemento hostaleiro (que, como dixemos, se comunica coa horta do escritor) e unha sala dedicada a explicar a súa obra literaria, tanto no que corresponde á súa faceta poética como as súas creacións máis emblemáticas como narrador ou dramaturgo.
A planta máis alta do edificio ofrécelle ao visitante espazos máis recollidos e que o acercarán á peripecia vital do autor nas décadas en que o habitou, dende finais dos anos corenta ata que traslada a súa residencia a Vigo. A estancia que mira directamente á praza e á catedral mindoniense evoca o seu círculo familiar máis achegado, entre o que creceu e desenvolveu os seus dotes innatos de fabulador.
As obras que se executaron neste edificio da Praza da Catedral con 308.000 euros do Executivo Provincial ao longo deste anos consistiron en diversas actuacións, previo desescombro do inmoble. Concretamente procedeuse á rehabilitación integral da casa coa renovación e instalación de novas redes de saneamento, fontanería, calefacción, iluminación e ventilación, así como os pavimentos e os acabados do mesmo. Tamén se instalou un ascensor e a restauración de toda a fachada do edificio, entre outras obras.