Skip to main content
ActualidadeBarreiros

Alfonso Puente reingresa no PP e aspira á renovación na Alcaldía de Barreiros

Por 13 Marzo, 2019Sin comentarios

O actual rexedor do Concello de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, formaliza o seu reingreso no Partido Popular co anuncio da súa afiliación do que se dará conta na xunta directiva desta tarde. Aspira a renovar a confianza dos veciños e veciñas que o apoiaron con maiorías absolutas nas tres últimas citas coas urnas ao liderar de novo a candidatura dos populares no municipio.
Fuente Parga asegura que “tanto veciños coma afiliados e simpatizantes pedíronme que volva a encabezar a lista do Partido Popular para seguir traballando por Barreiros no novo mandato para sacar adiante proxectos xa preparados”. Nese sentido, o candidato popular quere agradecer “as mostras de apoio dos barreirenses durante o proceso xudicial do que agardabamos a sentenza absolutoria que foi ditada nas últimas semanas”.
O candidato popular á alcaldía avanza que “tras traballar nos últimos anos na elaboración do PXOM, está preparado para someter á súa aprobación inicial a comezos do vindeiro mandato”. Igualmente, está prevista a humanización de distintos núcleos do concello.
Fuente Parga aposta por “seguir traballando na prestación de servizos aos veciños e veciñas despois de incrementar a axuda a domicilio ao alcanzar a vintena de persoas que prestan este demandado servizo”. Coa convicción de que “non só hai que garantir os servizos, senón melloralos na medida do posible”; o candidato popular sinala a súa vontade de “mellorar o servizo de gardería municipal e nos dous colexios do municipio” de forma que contribúan ao asentamento da poboación.
O alcaldable do PP pon en valor o investimento en estradas municipais que permite que cada ano se melloran tramos da nosa extensa vía municipal; así coma a posta en marcha da nova potabilizadora que contribúe á mellora da rede de abastecemento de auga. Así mesmo, cre necesario “impulsar o proxecto da depuradora de augas residuais en San Miguel de Reinante”.
O actual rexedor de Barreiros amósase disposto a “impulsar Barreiros para recuperar a imaxe que tanto danou a oposición no noso concello e retomar proxectos para a súa consolidación como referente turístico na comarca da Mariña”.
Compromiso co Partido Popular
A presidenta provincial do PP, Elena Candia, agradécelle a Fuente Parga “o seu compromiso co Partido” e agarda que “continúe a traballar polos veciños e veciñas de Barreiros que xa lle teñen demostrado o seu apoio nas últimas citas coas urnas”. A este respecto, Candia recordou que o Partido Popular é o Partido máis votado no municipio barreirense tanto nas eleccións municipais coma noutros procesos electorais”.
Currículo
Asesor fiscal de profesión, Fuente Parga é alcalde de Barreiros dende o 2005 cando substituía no cargo a Luís Fraga Leiro. Concorreu xa como cabeza de lista do PP nas seguintes eleccións municipais do 2007 sendo elixido alcalde con maioría absoluta que revalidou tamén no 2011 e no 2015.