Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXARibadeo

A Deputación e o Concello chegan a un acordo para o arranxo do Pepe Barrera

Por 13 Marzo, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, acordaron financiar a partes iguais a rehabilitación integral do campo municipal Pepe Barrera e solicitar á Xunta de Galicia, que é a administración coas competencias directas na materia, que cando menos faga o mesmo.
Este acordo contempla a achega de 140.000 euros por parte de cada administración, sumando entre as 2 un investimento de 280.000 euros. Solicitan polo tanto que o Goberno Galego destine os 140.000 euros restantes, co obxectivo de acadar o orzamento de 420.000 euros necesarios para a execución destes traballos. Deste xeito, as 3 administracións públicas participarán a partes iguais neste proxecto (33%).
Así o explicaron Campos Conde e Fernández Barcia no acto de presentación do proxecto básico para a rehabilitación do terreo de xogo desta infraestrutura municipal, no que participaron os representantes da Sociedade Deportiva Ribadeo e do Ribadeo Fútbol Club, e ao que non asistiu ningún representante da Xunta de Galicia.
O campo de fútbol municipal Pepe Barrera é unha dotación deportiva empregada de xeito habitual por máis de 150 deportistas que adestran e xogan os seus partidos neste espazo. A través deste proxecto, búscase realizar unha rehabilitación integral do terreo de xogo para evitar, principalmente, as acumulacións de auga que impiden que se poida empregar o campo con normalidade.
Para elo, executaranse traballos de drenaxe cos que mellorar o desaugue do terreo e nivelarase o chan, poñendo fin á diferenza de case un metro que existe entre as esquinas do campo. O terreo dotarase de herba natural. Ademais, o proxecto contempla actuacións de mellora dos vestiarios e das gradas.
Pódese consultar o proxecto de remodelación do estadio no seguinte enlace.
Pola súa banda o deputado e candidato popular Daniel Vega, de saír elixido como alcalde, comprométese a facer realidade a mellora do estadio municipal Pepe Barrera no segundo semestre deste ano.
Vega asegura que os deportistas locais usuarios do estadio non merecen seguir soportando unhas instalacións que levan anos en malas condicións esquecidas polo actual Goberno local, que só parece reaccionar cando quedan poucos meses para as eleccións.
Para o candidato o Concello non necesita agardar máis para iniciar o proceso de contratación desta obra (licitación e adxudicación) e sinala que existen recursos suficientes para acometer estes traballos.
“Como alcalde farei realidade a mellora do estadio e farémolo con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta, polo que Ribadeo recibe anualmente 425.000 euros, unha cantidade que nos permite afrontar en solitario a obra sen esperar a caridade de ninguén”-dixo
Vega asume este compromiso co conxunto da veciñanza de Ribadeo pero moi en particular coa SD Ribadeo e cos rapaces das escolas deportivas do Ribadeo FC que están cansos de reivindicar un estadio mellor, e que merecen solucións inmediatas, como as que hoxe quere comprometer.
Vega reclama ademais celeridade ao actual alcalde de Ribadeo para que non se perdan os 46.000 euros adicionais que a Xunta propón investir de inmediato nestas instalacións para acometer aquelas melloras de maior urxencia que se acorden coas entidades deportivas locais.