Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXARibadeo

O PP critica que os clubs ribadenses levan sen cobrar as subvencións deportivas desde o 2015

Por 18 Marzo, 2019Sin comentarios

O Partido Popular critica ao Concello de Ribadeo por non pagar as subvencións aos clubs deportivos locais desde o ano 2015. Daniel Vega di que “isto é un exemplo da falta de compromiso co deporte local do nacionalista Fernando Suárez e polo tanto ninguén cre a súa promesa electoral de arranxar agora o campo de fútbol municipal”.
Vega explica que “crer no deporte ribadense e apostar por arranxar o campo de fútbol é dicir si a 425.000 euros que lle aporta a Xunta de Galicia ao Concello de Ribadeo. E crer nos deportistas ribadenses é firmar xa ese convenio de 46.256 euros para os equipos de fútbol e que se invistan onde eles estimen oportuno. Polo tanto temos unha partida de 425.000 euros, coa que xa se podía arranxar o campo de fútbol mañá mesmo, e 46.256 euros a maiores. Pero eu tamén lles quero dicir aos ribadenses unha verdade solemne: o campo de fútbol púidose arranxar xa hai 12 anos, os que leva o señor Suárez no goberno deste municipio. E cal foi a posición deste alcalde ante a necesidade de arranxar o campo de fútbol? Pois o Partido Popular presentou durante estes últimos 4 anos mocións practicamente en todos os plenos para arranxar o campo de fútbol, pero o señor Suárez ou non levaba a pleno a moción do Partido Popular ou cando se trataba na sesión votaba que non. Así é como defendía o campo de fútbol, votando que non a mocións para arranxalo. E cando ía esa mesma moción á Deputación que facía o BNG? Votaban que non a arranxar o campo de fútbol de Ribadeo. E o Partido Socialista non se unía ao Partido Popular nesa petición, senón que se unía ao Bloque para non investir no campo de fútbol. E agora, tres meses antes das eleccións, prometen arranxar o campo de fútbol. Pero non vai dar tempo e polo tanto son promesas baleiras, que non se van concretar. E pídolle ao Partido Socialista que explique por que durante estes 12 anos non investiu no campo de fútbol Pepe Barrera, porque votaba non, como o BNG, na Deputación e que explique tamén por que non está orzamentada a partida dos 140.000 euros na Deputación”.
Ademais Daniel Vega reclámalle a Fernando Suárez que pague “as subvencións que lle adebeda o Concello aos clubs deportivos locais pois levan sen cobrar desde o ano 2015 esas axudas municipais. Isto non o digo eu, dío o deporte ribadense. Polo tanto vostede nin xestiona investimentos para Ribadeo nin paga as subvencións do Concello aos equipos ribadenses. Non fai nada, polo que está claro que o tempo de ego Suárez xa rematou”.