Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Festival Atlántica chega a Viveiro con contos galegos e xaponeses

Por 20 Marzo, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O Festival Atlántica, o encontro máis grande de narración oral da Península Ibérica, chega por primeira vez á provincia de Lugo na súa sétima edición. O xoves 21 de marzo no concello de Viveiro, entre outros da provincia, van poder gozar gratuitamente coas historias de dous contadores de contos, unha galega e un xaponés, grazas á colaboración da Deputación de Lugo.

O arranque do festival terá lugar en Lugo hoxe mércores, 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, a gran festa dos contadores que se celebra desde 1991 e que este ano celébrase baixo o tema dos mitos, lendas e epopeas.

A programación do Festival Atlántica en Viveiro vai xuntar as voces de Yoshi Hioki e de Vero Rilo en dúas funcións dobres. A partir das 17:30, na Sala Multiusos da Casa do Concello, os cativos van escoitar primeiro os ‘Contos, leiras e cousas pequenas’ de Vero Rilo, unha recollida de historias de xente maior e que serven para pacientes e impacientes, para o demo, para tremer de medo e para se amar e durmir quentiños. Despois chegarán os ‘Contos populares do Xapón’ de Hioki, historias que inclúen campesiños dos arrozais e nobres da corte imperial, animais e monstros, dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca.

Xa contra a noitiña, ás 20 horas, os dous narradores volverán á Sala Multiusos da Casa do Concello para deleitaren o público adulto. Vero Rilo levará as súas ‘Lavandeiras’, unha homenaxe ao patrimonio oral que as mulleres construíron de xeonllos a lavar a roupa na ribeira do río, nunha estampa que se vén repetindo ao longo da nosa historia. E Yoshi Hioki agasallará os asistentes coa versión adulta dos seus ‘Contos populares do Xapón’, unha oportunidade para gozar coa habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.