Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Entregados os premios do IX Concurso de Fotografía do Día do Pai de Acisa en Ribadeo

Por 22 Marzo, 2019Sin comentarios

Os gañadores do IX Concurso de Fotografía do Día do Pai, que convocou Acisa, xa recolleron os seus premios. Alberto González, Paula Rubiera e Tatiana Pérez dispoñen de dous meses para gastar os vales de compra recibidos nos establecementos asociados a Acisa.

Por el mismo patrón, de Alberto González foi a foto elixida polo xurado como a mellor presentada ao IX Concurso do Día do Pai. O afortunado recibiu 150 euros en vales de compra. Máis de tres xeracións nunha soa imaxe, de Paula Rubiera foi para o xurado a segunda mellor imaxe, que levou 100 euros en vales de compra como agasallo. E Descansando con papá, de Tatiana Pérez, foi a foto elixida como a mellor polo público. A afortunada recibiu 150 euros en vales de compra.

O IX Concurso de Fotografía do Día do Pai desenvolveuse no facebook de Acisa.

Novos asociados

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dálles á benvida aos catro negocios que nos últimos días decidiron asociarse e formar parte deste colectivo empresarial. Son: PVI Seguros, Siñeiro Hogar, Gasolinera Valcárcel e Bar Madison. Desde a directiva de Acisa agardan que “nas vindeiras semanas se sigan a producir novas altas, porque son varias as firmas que nos pediron información e documentación para converterse en novos asociados e asociadas”. E subliñan que “cantos máis sexamos máis cousas poderemos conseguir e máis campañas poderemos organizar que redunden en beneficio do comercio, da hostalería, dos autónomos e dos servizos e tamén en beneficio de Ribadeo, porque iso será positivo para todos e todas”.

A Pancha de Ribadeo

Desde Acisa lembran que dentro duns días dará comezo a campaña da moeda local de Ribadeo, a campaña das Panchas. Todos aqueles establecementos asociados que queiran participar deben inscribirse antes do vindeiro 3 de abril. A directiva indica que “temos a disposición das nosas asociadas e asociados ao noso xerente para que acuda a visitalos e a resolver todas as dúbidas que poidan ter sobre o desenvolvemento desta importante campaña, que se desenvolverá do 5 de abril ao 5 de maio. Para participar hai que inscribirse xa”. Os clientes do comercio local poderán cambiar os seus 30 euros por 40 panchas na oficina de ABanca, en Ribadeo, a partir do 4 de abril.

XXIII Torneo Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos valora de xeito moi positivo “a repercusión que terá na economía local a celebración mañá, 23 de marzo, do XXIII Torneo Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica, que reunirá na localidade a 800 deportistas, que estarán acompañadas polos seus adestradores e polas súas familias. Máis de 2.000 persoas se darán cita esta fin de semana en Ribadeo, visitas que se deixarán sentir tanto na hostalería como no comercio. De aí que desde Acisa colaboremos coa organización deste evento e participemos coa entrega de varios trofeos”.