Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta recolleu no seu programa participativo 76 propostas veciñais

Por 18 Marzo, 2019Sin comentarios

Foi no pasado mes de agosto, cando na asemblea de Vilalba Aberta se daba luz verde ao lanzamento dun proceso de participación veciñal, de cara a redacción do seu programa para as Municipais. Baixo o nome de Vilalba Decide e a través dunha novidosa ferramenta de participación online, a formación poñía así a disposición dos veciños de vila e parroquias a posibilidade decidir punto por punto o conxunto dun programa electoral que conseguira ser “o Programa Electoral de todos.”

Unha procedemento que, logo de máis de 5 meses en funcionamento, tocaba onte ao seu fin, superando as expectativas inicias dos seus impulsores con un total de 76 propostas recibidas, ás que – lembran dende a formación – cómpre sumarlle o conxunto de iniciativas e ideas que semana a semana lles chegan, tanto a través do correo electrónico coma ao conxunto das súas redes sociais.

Uns resultados que, tal e como apuntaba na mañá de hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, “non fan máis que reafirmar o cumprimento do noso obxectivo fundamental de implicar á veciñanza, involucrando tanto aos barrios da vila, coma ás parroquias, así como aos profesionais e aos traballadores/as e autónomos do conxunto do Concello na creación dun Programa que, por enriba de todo, puxo de relevancia a nosa intelixencia colectiva, a través dun método participativo que fixo posible que decenas de veciños/as tomaran parte na creación, discusión e priorización das súas inquedanzas.”

Vilalba Aberta, desmarcase así, unha vez máis, do xeito de facer dos partidos políticos tradicionais, en tanto que ademais dun inédito proceso de participación veciñal, o programa participativo foi, a xuízo dos integrantes da formación, “un proxecto colectivo que demostrou que se pode facer política doutro xeito, coa participación da xente e sen concebir á veciñanza coma se se tratara dunha clientela á que convencer”.

“Dixémolo e cumprímolo, apuntaba a este respecto Modesto Renda: “Non queriamos que nestas municipais a veciñanza se vira novamente na obriga de elixir entre varios programas que lle son impostos, queriamos que os vilalbeses/as tiveran ao fin a posibilidade de se decantar por un programa que sentiran seu, isto é: Un programa do que formaron parte e no que se recoñezan á hora de o votar.

SEGUINTES PASOS

A convocatoria de ao menos dúas asembleas programáticas presenciais (un engadido, pensado para favorecer tamén a participación de todos aqueles veciños/as que non dispoñan de conexión ou acceso a internet e desexen igualmente participar da elaboración colaborativa) será o vindeiro movemento de Vilalba Aberta neste sentido. Un xa anunciado paso, que precederá á apertura dun procedemento de avaliación de 2 de días, co fin de analizar a viabilidade xurídica e económica das achegas, para, de seguido, establecer unha síntese final previa á definitiva redacción dun programa electoral que, tal e como xa se fixo público datas atrás, contará ademais cun sub programa para as parroquias. Unha medida que suporá, por primeira vez na historia do Concello de Vilalba, que as parroquias teñan un programa electoral propio, ademais do establecido para as mesmas nun Programa Electoral Xeral, cuxa progresiva presentación comezará a principios xa do mes de marzo.

Neste sentido, e ao tempo que completan o seu traballo coma oposición municipal (de aquí á celebración do último pleno ordinario de marzo) dende Vilalba Aberta levarase a cabo unha rolda de xuntanzas con colectivos e asociacións, tales coma a Asoc. de Empresarios de Sete Pontes, as diferentes Asoc. deportivas e as musicais, así coma unha primeira xa fixada coa Asoc. Os Peludiños “a fin de completar e contrastar todos aqueles aspectos programáticos que, consideren, poidan seren mellorados.”