Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Adrián e a súa frase viral

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Unha reportaxe televisiva sobre o despoboamento achegounos un “concejo” asturiano chamado Yernes y Tameza, con cento corenta habitantes censados, pero con pouco máis de trinta os que relamente viven a diario. Nese lugar só hai un menor de idade, ó cal lle preguntaban cales eran as súas actividades habituais. Adrián, así é o seu nome, de trece anos, explicaba que unha vez de volta do instituto, tras xantar, axúdalle ó seu pai na explotación gandeira familiar. Primeiro, tirar o cucho –esterco-, e logo a atención ás vacas. Traballar e traballar, repetía ante a cámara con ese acento tan caracerístico dos nosos veciños, tendo como amigo o seu can, sen as distraccións típicas doutros rapaces da súa idade. Pero a frase pola que o simpático de Adrián se fixo viral nas redes sociais en cuestión de horas foi, á pregunta de se non botaba en falta outros nenos do seu tempo, que estaba moi a gusto el só, “sin que nadie me toque los cojones”. Así, literalmente, sen rodeos de ningunha clase, con toda naturalidade e contundencia.

O que nun primeiro momento se podería pensar sobre el, que é un maleducado e que esa expresión é impropia dun cativo de trece anos, derivou de contado nunhas reaccións positivas, maioritariamente, xerando unha empatía cara a súa persoa, recibindo polo xeral loubanzas á forma no que dixo o que dixo. Adrián amosou neses segundos de conversa un absoluto apego pola terra e un amor pola vida no rural, sen ningún tipo de complexo nin vergonza. Esa frase, pronunciada por este bandido, como lle di seu pai, está chea de forza, de orgullo e de dignidade. Porque non é unha simple arroutada na boca dun adolescente que percorre máis de vinte quilómetros en autobús tódolos días para ir a clase, senón que reflicte a triste realidade desas áreas xeográficas que se baleiran, entre as se atopan tamén as nosas bisbarras do interior, unha tendencia que dura décadas e semella non cambiar.

Galicia, Asturias, Aragón, Estremadura, Castela… sufrimos un mesmo mal no campo, despoboamento e avellantamento da poboación, onde non existe o tan necesario recambio xeracional para garantir a continuidade das comunidades. Adrián, con ese razoamento de home adulto, é un exemplo da proximidade das relacións interxeracionais que se deron sempre nas aldeas, onde a convivencia entre as diferentes idades era real e efectiva. De aí que este pequeno fale como o faría seu pai ou un dos veciños cos que trata no seu entorno, os cales son os seus referentes, non personaxes falsos e cheos de hipocresía que contemplamos nalgúns programas televisivos.

O guaje Adrián aspira a aprender mecánica, coma o seu tío. A boa fe que o conseguirá. O tempo dirá se a súa vida continúa entre esas paraxes montañosas de extraordinaria beleza ou por outros lares. Mentres, a espontaneidade e honestidade das súas palabras quedarán gravadas na nosa memoria. A Adrián non lle gusta que llos toquen. O problema é que ó rural non só llos levan tocando, senón que tamén apretan ata case afogar.