Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

As vítimas de violencia de xénero somos persoas. Non estratexias electorais

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

Por Marta R. Engroba

Non é que o que vou comentar sexa nada novo, nin que me colla por sorpresa, pero,ainda así, non podo evitar que me remova por dentro e que me pregunte como pode haber xente, que non persoas, dispostas a todo e, porén, a utilizar a quen sexa, con tal de acadar os seus fins.

Estou a referirme a utilización sen escrúpulos que se fai da violencia de xénero e das súas vítimas cando, como ocorre agora, hai unhas eleccións a porta.

Da igual a cor política, a esquerda ou a dereita, ou os que non o teñen nada claro, que tamén os hai. Todos, por moito que presuman de ser diferentes uns dos outros, teñen algo en común, ben desprezable, por certo: Unha ambición desmedida por chegar ao poder, ou por mantelo, se é que xa deron o salto a él.

Todo vale para lograr o seu obxectivo, e por eso non dubidan en utilizar sen escrúpulos a que, por moi mal que soe, é a causa de moda, a causa que vende. E por desgraza, a violencia de xénero non soamente vende, se non que pode chegar a ser, e de feito o fai, un lucrativo e suculento negocio para moitos.

Da igual a indiferenza que exhibiron sen pudor durante anos, mentras os asasinatos de mulleres se sucedían, mentras eran mais que evidentes as mentiras que nos contaban dicindo que nos estaban a protexer, mentras quedaba claro que as medidas que dicían tomar eran puro atrezzo, que se utilizaban cando o teatro o requería para facer un decorado que pretendían víramos como real, e que se aparcaba cando a función chegaba ao seu fin.

Ficaban indiferentes ante vidas e mais vidas salvaxemente segadas, e non soamente de mulleres. Son xa moitos os nenos e nenas aos que a violencia machista se levou por diante.

Tan so abandoaban o seu letargo para desplegar toda a súa hipocresía neses noxentos e ineficaces minutos de silencio, ou para protagonizar algún acto deses protagonizados por “vips”, sempre a procura da foto e da imaxe coa que venderse como implicados, para retornar o mais rápidamente posible a esa vida súa plácida onde a violencia de xénero semella non existir.

Agora ben, no momento que as eleccións comezan a albiscarse, e como se un toque de diana deses que nos tempos nos que ainda existía a mili espertaba aos soldados lles fixera rexurdir do seu sono, un sono algo mais que profundo, toda a conciencia, a implicación e a empatía coas mulleres que están a ser maltratadas brotaran de súpeto, e a esgalla.

As promesas, que case sempre rematan sendo o mesmo: mentiras baleiras, as baterías de medidas case máxicas, os actos onde exercen o postureo mais impúdico, o achegamento as vítimas ou a determinados colectivos que fan moito ruido e pouco mais, pero cos que teñen un excelente entendemento, por razóns obvias, xa que ese toma e daca favorece a todas as partes, comezan a ser, durante meses, o pan noso de cada día, un pan que a xente que coñecemos de preto a dor da violencia de xénero,que vivimos cada día en primeira persoa o terror de moitas mulleres as que mesmo respirar lles resulta case imposible, fai que se nos revolva o estómago e nos den desexos de berrar ou de agocharnos ata que o show, porque eso é o que é, puro show, remate, de carraxe, de pura impotencia.

Sobrevoan como voitres a menor oportunidade de sair na foto, de demostrar a súa “sensibilidade”, e toda a pasividade que os caracterizou ata ese momento e substituída por unha actividade frenética que, mesmo sabendo que forma parte do espectáculo, consigue, as veces, dar a sensación de que realmente nos van a axudar, de que se preocupan por rematar con ese feminicidio que, lonxe de remitir, semella medrar case cada día. Charlas aquí, xornadas alá, obradoiros noutro lado, xuntanzas con quen queda ben na foto, van ser o seu día a día ata que a campaña remate, ata que algúns deles consigan, por fin, o tan ansiado poder.
Eu teño claro que non serviría para política, e o meu xa afastado e efímero achegamento a ela non fixo mais que confirmarmo. Non concibo, nin son quen de entender como se pode xogar coa dor, cos sentementos, tan só a procura de votos e dunha cadeira que a mais dun e dunha lles vai se non a solucionar a vida, se a mellorala notablemente.

Pola contra, o que si teño claro, porque a propia vida fixo que así fora, e que, malia que semelle ser unha frase feita, ou un tópico que non chega a facerse real, o tempo vai poñendo a todos no seu sitio, vai dando e quitando razóns. Non falla. Poida que as veces sintamos que se demora demasiado, e a miudo así é, pero soamente se trata deso, dunha demora. Que ninguén o dubide. E quen se move soamente por interese, por puro afán de poder, ao final recollerá o que sementou, por moito que poida semellar imposible nos momentos de “gloria”.

Ainda así, e mentras chega ese momento, que, insisto, chegará, señores e señoras políticas, permitan que as vítimas de violencia de xénero, as súas crianzas, cantos traballamos codo con codo con eles cada día tentando tenderlles unha man lles fagamos un rogo: deixen de utilizarnos.Non somos mercadorías, nin estratexias electorais.

Somos persoas, persoas con moita dor as costas. Se queren medrar, hai dúas opcións que tal vez deberan considerar. Traballo e honestidade.

Saben de que lles falo?.