Skip to main content
ActualidadeCervo

Avanzan as obras da nova vía que conectará a zona de Galdín co centro de saúde en San Cibrao

Por 8 Abril, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, achegouse ata a zona de Galdín para supervisar as obras da nova vía ubicada entre a Avenida Bellavista e a Avenida da Veiga e puido constatar, acompañado dos técnicos, que a actuación avanza a moi bo ritmo.

Xa se levaron a cabo os traballos de explanación do terreo, os movementos de terra para a creación desta rúa que terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de 12 metros que favorecerá o dobre sentido da circulación; fixéronse os muros de contención e colocáronse os estribos da nova ponte proxectada sobre a vía do tren.

Villares lembrou que están plantexados aparcadoiros e beirarrúas a ámbolos dous lados da calzada –nestes intres traballan na delimitación das mesmas-; e dúas glorietas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín-; ademais da incorporación de nova iluminación e da dotación de servizos de saneamento e recollida de pluviais, que xa están executados.

Villares recordou que se trata dunha actuación fundamental para San Cibrao “que será unha alternativa de entrada e saída da vila, que aliviará moito o tráfico e tamén pode ser unha solución provisional para os vehículos pesados do Polígono de Cuíña”.