Skip to main content
ActualidadeAlfoz

VIA Alfoz faise eco das queixas dos veciños respecto a que o Sergas non cubre a baixa dunha das doutoras

Por 12 Abril, 2019Sin comentarios

“Desde o Grupo Municipal de Veciños Independentes de Alfoz facémonos eco das queixas dos usuarios do Centro de Saúde de Alfoz, comprobando que nas últimas datas se prestaron os servizos de atención primaria cun só médico, xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubre a praza dun dos médicos que se atopa en situación de baixa laboral, situación que se segue producindo a día de hoxe e que previsiblemente se vai prolongar”, así rezaba unha moción presentada por VIA no pleno do Concello de Alfoz de 22 de novembro de 2018 e que se aprobou por unanimidade. Desde esta data o problema persiste e a única resposta que se recibiu resúmese nunha comunicación, recibida no concello o 10 de decembro, na que o Sergas indica que se lle remitiu o escrito á Xerencia de Xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, “por ser un asunto da súa competencia”.

No día de onte, desde VIA Alfoz, volveu a poñer en coñecemento da Xunta a situación do centro, na que un solo médico está atendendo a todos os usuarios, ademais das urxencias e das visitas domiciliarias. Xabier Pardiñas, voceiro de VIA indica que “non se pode poñer como desculpa que a sobrecarga de traballo do médico non é excesiva baseándose unicamente no ratio máximo desexable de pacientes por galeno” xa que recorda que “a situación de cada centro de saúde é diferente e no caso de Alfoz debemos recordar que existen moitos pacientes de avanzada idade polo que o número de asistentes a consulta é mais elevado que noutros centros” e que ademais, “a dispersión da poboación fai que as visitas domiciliarias provoquen que o centro de saúde quede sen médicos en determinadas horas”.

Desde VIA entenden que esta situación se debe solucionar o antes posible pois “parece ser que inicialmente non se tiña previsto cubrir a baixa neste mes”, situación que se pode agravar ante a previsible marcha a outro centro da doutora que se atopa actualmente de baixa, “algo inadmisible e inxusto que non se debe permitir” aseguran desde VIA.