Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Máis do 85% das Panchas postas á venda xa están na rúa, arredor de 34.000 euros para gastar en Ribadeo

Por 15 Abril, 2019Sin comentarios

O impacto da moeda local Pancha está chegando ao pequeno comercio de Ribadeo pois xa van vendidos 850 packs de moeda local no transcurso da primeira semana desde o inicio desta campaña, sendo un 85% do total. Na rúa xa están arredor de 34.000 euros para gastar no comercio de proximidade ribadense.

A concelleira de Comercio, Ana Martínez, valora moi positivamente este dato e quere “animar ás persoas que non teñan mercado Panchas a que non esperen moito máis xa que se agarda que se esgoten a vindeira semana. Tamén quere salientar o impacto da campaña na valorización da importancia do comercio local nas vilas. “Desde o Concello queríamos comezar a pór na rúa esta cuestión e creo que con esta campaña témolo acadado. Esta campaña tamén é unha oportunidade para descubrir aos establecementos comerciais, a importancia da xente que está detrás do mostrador e outros valores que nos aporta o comercio local á vida da cidadanía”, engade a edil ribadense.

Por parte de Acisa Ribadeo o seu presidente, Francisco Iriarte, comenta que “a venta de Panchas está indo moi ben e parece que a compra con elas tamén. Temos casos de xente de Asturias que adiantan a súa viaxe  ao  venres para mercalas ou de Coruña e Lugo que lle encargan a algún coñecido que as merque; agora só queda que todas esas Panchas cheguen ao comercio local antes do día 5 de maio, que é cando remata a campaña”. Iriarte insistiu en que “durante un mes estarán na rúa 40.000 euros para gastar no comercio local, que é unha cantidade importante de cartos”.

A campaña das Panchas ten como obxectivo a dinamización do comercio local, a concienciación da importancia do consumo en clave local, a visibilización do pequeno comercio como axente dinamizador das vilas e todo ese papel tan importante para o futuro de localidades como Ribadeo. 

A partir do vindeiro luns, 15 de abril, e todos os luns ata o 20 de maio os comercios poderán proceder ao cambio das súas Panchas por euros. Para elo deberán dirixirse ás oficinas de Desenvolvemento Local e Comercio do Concello de Ribadeo, onde tanto persoal de Acisa coma desa Área do Concello procederán á validación da documentación requirida.