Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Aprobada unha proposta para tomar medidas eficaces para incorporar á mocidade no rural

Por 6 Abril, 2019Sin comentarios

A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou unha Proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que tome medidas eficaces co obxectivo de incorporar á mocidade ao rural. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Raúl Fernández, presentou esta iniciativa para urxirlle á Xunta a tomar medidas fronte ao despoboamento do rural, o paulatino abandono de terras e a súa desertización.

Fernández explicou que un territorio como o de Galicia, no que o rural supón ata o 80 por cento do territorio e só acolle ao 20 por cento da poboación, ten ao 80 por cento da súa poboación residindo no medio urbano, que ocupa tan só o 20 por cento do territorio. Reclamou “políticas activas, claras, efectivas e avaliables que promovan a incorporación da mocidade para facilitar o relevo xeracional”.

Advertiu que as políticas do goberno galego postas en marcha ata o momento na que o propio Feijóo deu en bautizar como “a Lexislatura do rural” teñen demostrado que “non foron capaces de fixar poboación” neste entorno. Presentou esta iniciativa parlamentaria para darlle unha chamada de atención na procura dun rural “dinámico e multifuncional” e para “atallar a dinámica negativa e promover políticas que superen esta situación”.

Apuntou ás oportunidades do medio rural en materia de emprego, transformación láctea ou aumento do peso dos produtos agrarios e gandeiros na cadea de valor, que precisan dun esforzo de modernización e adaptación das estruturas agrogandeiras e dos recursos humanos.