Skip to main content
ActualidadeFoz

O PP de Foz mostra os documentos que proban a débeda que os socialistas teñen co Concello

Por 25 Abril, 2019Sin comentarios

O presidente do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, proba con documentos que o PSOE ten unha débeda co Concello polo subministro de auga, lixo e saneamento. Castiñeira manifesta que os propios socialistas admiten esa débeda e incluso piden o fraccionamento do pago. Por esta razón o presidente do PP en Foz solicita ao PSOE que pague a totalidade da débeda e pida perdón á persoa directamente afectada por este impago, a todos os veciños de Foz e ao PP.

Javier Castiñeira declara: “como presidente do Partido Popular de Foz véxome obrigado a saír á palestra con referencia ao asunto de que o Partido Socialista ten débedas co Concello de Foz, que nós denunciamos nestes últimos días. Poñemos en papel as probas de que o Partido Socialista admite esa débeda, propón incluso ao Concello pagala de forma parcial e ademais abonar só a parte que non prescribiu, co cal nós tampouco estamos de acordo porque eu creo que un partido que foi goberno no seu momento e que lle esixe aos veciños que cumpran coa legalidade debe pagar a totalidade desa débeda e non só o que non prescribiu”.

Castiñeira engade que “os informes de Intervención son claros, din que o Partido Socialista non cumpriu coas súas obrigas cando foi inquilino e cando comprou ese local no ano 2005. Polo tanto está claro que o Partido Socialista, que sempre fala dos informes de Intervención, con estas probas non debe máis que pedir perdón a ese terceiro que foi afectado. Ademais debe pagar a débeda íntegra, pedir perdón tamén aos veciños de Foz por non cumprir cos seus compromisos como veciños, e por suposto tamén agora pedirlle perdón ao Partido Popular por negar as acusacións que son completamente verídicas”.

O presidente do PP en Foz dille ao PSOE que “cando fala de cloacas eu entendo que fala das cloacas dos últimos dezaseis anos nos que estiveron no goberno municipal, e proba disto é este expediente que non se dignaron nin a pagar nin a resolver; dá a entender que esta xente facía o que quería no Concello. Polo tanto, señores socialistas, leccións de honorabilidade ao Partido Popular de Foz ningunha”.