Skip to main content
A PontenovaActualidade

O PP lamenta que A Pontenova non solicite as axudas ás que pode optar á festa da Troita como cita de Interese Turístico Galego

Por 30 Abril, 2019Sin comentarios

O Partido Popular de A Pontenova, que encabeza David Gutiérrez, lamenta que o Concello non solicitase as axudas da Xunta de Galicia ás que pode optar a Festa da Troita como cita de Interese Turístico Galego. Concretamente, dende o ano 2013, a entidade local non tramitou esta axuda autonómica que era de 3.000 euros anuais e que, nesta anualidade (o prazo de solicitude permanece aberto ata o 15 de maio) se incrementa ata os 7.000 euros.

A renuncia voluntaria do alcalde vai en prexuízo da festa, que podería dispoñer de máis recursos para a súa organización e difusión. Tal é así que, por mor do “seu pasotismo e deixación de funcións”, perdeu 15.000 euros nos últimos cinco anos e agora pode perder os 7.000 para a cita desta anualidade

O rexeitamento por parte do rexedor socialista tamén resta visibilidade e apoios a un evento de gran importancia dende o punto de vista turístico, gastronómico e deportivo. Esta cuestión é a que leva ao candidato popular a concluír que “este desleixo municipal amosa falta de traballo do equipo de goberno e falta de compromiso cunha festa que supón un plus para o desenvolvemento socioeconómico de A Pontenova”.

O alcaldable pregunta así “quen son os concelleiros do equipo de goberno para decidir renunciar a un apoio económico que lle corresponde a este evento de xeito directo dende a súa declaración como cita de Interese Turístico Galego, sobre todo, indica, porque calquera apoio, sobre todo económico, como é neste caso, sempre é benvido”.

Gutiérrez remata significando que, de acceder ao Goberno local, traballará por potenciar este cita, como reclamo de atracción turística e como extraordinario incentivo para a economía local.