Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Apaga organiza un seminario sobre Eduardo Barreiros e outro sobre José Barro

Por 2 Abril, 2019Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) está a preparar un seminario permanente, para xuño, sobre o empresario Eduardo Barreiros, no ano no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Ademais Apaga organizará outro seminario, a finais de ano, sobre José Barro, coñecido empresario que impulsou o complexo de Chavín, en Viveiro. Apaga ten programadas tamén varias fins de semana tecnolóxicas de abril a xuño. A primeira delas será este sábado, día 6, en Ribadeo e versará sobre o diagnóstico de avarías en vehículos.
Álvaro Doural, presidente de Apaga, explicou que “continuando co programa formativo que estamos a desenvolver desde o inicio de ano, vai haber un curso de diagnóstico de avarías de vehículos, un curso eminentemente práctico, impartido por Urbano Oliveros, que é un técnico de Coruña. O número de prazas máximo é de 15 persoas e é continuidade doutro que se fixo fai un mes. En maio está previsto que haxa dúas actividades, unha de caixas de cambios automática e outra de sistemas de control de información Passthur para diagnose de vehículos. Son as actividades máis cercanas, aínda que no mes de xuño se van facer outras dúas e en setembro vaise facer algunha outra mais”.
Doural anunciou que “a finais de xuño posiblemente se vai montar unha actividade novidosa, tendo en conta a celebración dos cen anos do nacemento de Eduardo Barreiros, importante empresario de Galicia afincado nos últimos anos en Cuba. Imos celebrar un seminario permanente, estamos en contacto coa Fundación Barreiros, coa filla de Eduardo Barreiros. A idea é que sexa un seminario permanente de actividade ao longo do ano, cunha serie de reunións, por iso animo á xente que ten interese neste tema, en todo o que foi o mundo de Barreiros para o mundo do automóbil. O meu consello é ver unha película fabulosa que fixo a Televisión de Galicia, que é sobre a vida del e sobre todo o que fabricou. Esa é unha das actividades novidosas”.
O presidente de Apaga engadiu que “para rematar o ano, está previsto que tamén se aborde un tema que temos pendente, e que por cuestións de tempo non puidemos facer, que é sobre José Barro, un empresario importante de Viveiro. Váiselle dar un formato tamén de seminario permanente. Estamos a traballar no tema. Queremos dar a coñecer toda a información e todos os datos que fomos recabando deste importante empresario da Mariña, que eu creo que é un icono importante á hora de valorar todo o proceso de industrialización da Mariña que, desgraciadamente, hoxe en día é pouco e o que hai está nesa situación que está neste momento”.