Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Fernando Suárez repite como cabeza de lista do BNG á alcaldía de Ribadeo

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

Fernando Suárez repite como cabeza de lista do BNG á alcaldía de Ribadeo. A candidatura ao completo foi presentada esta mañá no Parador de Turismo. Suárez Barcia dixo na súa intervención que “todas e todos compartimos o mesmo norte: o noso amor por Ribadeo, polo noso país e por seguir facendo de Ribadeo esa estreliña, pequena, pero que xa se ve desde calquera parte do firmamento”. E a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou que “o bo facer acumulado que temos no BNG, coa experiencia de moitos anos do goberno de Ribadeo, tamén pode axudar a encauzar unha política a nivel provincial, que nos últimos tempos o único que nos deu foi desgustos e exemplos do que non se debe facer desde o ámbito provincial”.

O primeiro en intervir no acto celebrado esta mañá no Parador de Turismo foi Pablo Vizoso, vice responsable local do BNG e nº 3 da lista, que dixo: “quero darlle as grazas ás compañeiras e compañeiros, a simpatizantes, a familiares, a amigas e amigos e tamén aos profesionais dos medios de comunicación que nos acompañan aquí. Como ven sabes dentro de mes e medio, o vindeiro 26 de maio, celebraranse as eleccións municipais e polo tanto as veciñas e os veciños de Ribadeo teremos que escoller aos nosos representantes no Concello. É para nós un orgullo convocarvos hoxe neste lugar para presentarvos a candidatura coa que o Bloque Nacionalista Galego en Ribadeo vai concorrer ás próximas eleccións municipais”.

Vizoso subliñou que “como xa ocorrera en ocasións anteriores somos a primeira candidatura que se presenta en Ribadeo e desto tamén deberíamos estar moi orgullosos. Por iso vou repetilo unha vez máis, somos a primeira candidatura que se presenta de forma completa en Ribadeo. E iso non é por casualidade. Iso é froito do traballo intenso que se leva facendo nos últimos meses e que hoxe se visualiza na lista que vos queremos presentar a continuación”.

O nº 3 da candidatura do BNG contou que “se trata dun grupo de mulleres e homes comprometidas con Ribadeo, comprometidas cun proxecto de xestión perfectamente asentado, grazas aos eficaces gobernos do BNG no Concello de Ribadeo nesta e nas anteriores lexislaturas. Mulleres e homes que comparten o seu amor polo país e cunha visión galeguista, un grupo de persoas con capacidade e con entrega, con determinación e sobre todo con ilusión por seguir acadando día a día novos e maiores logros de benestar e de desenvolvemento para Ribadeo, para que Ribadeo siga sendo un referente en todos os ámbitos desde esta porta norte de Galicia”.

E engadiu: “como di o noso lema Ribadeo coas ideas claras e precisamente como mostra da importancia de asentar para Galicia o modelo de goberno que o Bloque Nacionalista Galego ten en Ribadeo hoxe temos o pracer de estar acompañados por unha muller que tamén é a referente da política nacional, loitadora incansable e defensora dos dereitos das galegas e dos galegos alí onde está, a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, a quen lle cedo a palabra antes da intervención de Fernando Suárez, alcalde e candidato á alcaldía de Ribadeo polo Bloque Nacionalista Galego para o período 2019-2023”.

Axuda para encauzar a política provincial

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que “teño que dicirvos que para min é unha tremenda honra poder acompañar a presentación desta candidatura do BNG que encabeza Fernando Suárez e polo tanto é un motivo de alegría poder estar hoxe aquí en Ribadeo. E creo que tamén é un motivo de alegría para moitos veciños e veciñas deste concello, que levan vendo como durante estes anos houbo un goberno que estivo á altura, que fixo política con maiúsculas, que demostra que se pode gobernar pensando no ben común e tamén que deixa claro que hai outra maneira de pensar, de sentir o país e que efectivamente os galegos e galegas somos quen de facer grandes cousas cando confiamos en nós mesmas, nas nosas potencialidades e poñemos en marcha políticas pensadas desde aquí. E iso é para min un dos grandes avances e referentes deste goberno”.

Pontón indicou que “se pensamos nos gobernos do BNG, eu teño que dicilo con todo orgullo, Ribadeo ocupa un dos postos máis altos deses concellos que nos demostran que é posible gobernar transformando a realidade, mellorando a vida dos veciños e das veciñas, facendo outras políticas ambientais, desde o respecto aos dereitos das mulleres, desde o orgullo de ter unha lingua e unha cultura propia, … E que isto é o que permite poñer en marcha cambios que realmente están mellorando a vida das persoas”.

E lebrou que “Ribadeo ten dúas etapas separadas desa impronta que marcou o BNG. Nuns anos nos que non era tan habitual, nos 80, foi un dos primeiros concellos gobernados polo nacionalismo, onde se puxeron as bases para que Ribadeo puidera dar nestes últimos anos un gran impulso: pasamos de ver a un Ribadeo que era unha vila a unha pequena cidade, que é referencia de toda A Mariña e que se converteu nun elemento de dinamismo económico, comercial, cultural, … E detrás deses cambios sempre ten que haber persoas e hai que agradecer moito o impulso que lle deu Fernando e todo o equipo que o rodeou, que deron sempre o mellor de si mesmos e mesmas, e que son persoas comprometidas con Ribadeo, con Galiza, e que saben que é importante a súa aportación”.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista amosouse convencida de que “esta sensatez, esta responsabilidade, este bo facer acumulado que temos no BNG, coa experiencia de moitos anos do goberno de Ribadeo, tamén pode axudar a encauzar unha política a nivel provincial, que nos últimos tempos o único que nos deu foi desgustos e exemplos do que non se debe facer desde o ámbito provincial. E desde logo nós representamos a antítese desa maneira de concibir a política e o noso paso polas institucións”.

O alcalde e candidato á reelección polo Bloque Nacionalista Galego, Fernando Suárez, dixo que “hoxe desvelamos moitas cousas. Respostamos moitas preguntas. ¿Por qué agora?.Porque agora é o momento. Os tempos non nolos marca ninguén senón nós mesmos. Desde o principio tiñamos claro como iamos facer as cousas. Non porque apareceran Feijoo para presentar a un candidato paracaidista hai uns días tiña eu que apurarme. Un Feijoo que non tivo tempo para vir en catro anos a Ribadeo a apoiar lexitimamente a un goberno lexitimo coma o noso en tantos e tantos temas nos que a Xunta desertou e non cumpriu a función que se esperaba dela: na auga, no saneamento, nas infraestruturas básicas, nos servizos sociais, na nova residencia, etc”.

Suárez Barcia explicou que “nós fomos elixidos, e eu fun elixido alcalde ata o vindeiro 26 de maio, polo que non tiña sentido dicir o noso futuro un ano antes, 6 meses antes. Iso sería acurtar o mandato. E nós, como goberno que somos, non nos temos que dedicar a intrigar, ou desgastar a ningún adversario. Nós, ao que nos dedicamos é a traballar e a tentar cumprir ao máximo co encargo que a xente nos deu en maio do 2015, por catro anos, todos os días dese mandato. E crédeme ben, coa intensidade que o facemos, non temos gañas nin de intrigar, nin de tarabelos de gaita. Cando acabamos no Concello, imos para a casa coas nosas familias. Iso si, cos teléfonos abertos, por se hai emerxencias”.

O candidato do BNG á alcaldía de Ribadeo insistiu en que “polo tanto, nunca quixen nin quixemos presentar, unha persoa, un líder, un guieiro, senón un equipo de traballo para os vindeiros 4 anos. E facémolo aquí e agora.Esa é a resposta”.

Agradecemento aos que marchan

Fernando Suárez Barcia quixo destacar o traballo dos tres concelleiros que non repiten: Paz Ermida, Ana Martínez e Vicente Castro: “destacar o traballo dos que non van estar nesta lista. Aínda que é unha honra que un saia elixido, tamén é unha responsabilidade e co paso do tempo, é lóxico e comprensible que haxa persoas que dando o mellor de si pois queiran deixar paso a outras novas. Falo de tres persoas do actual goberno que non van estar nesta lista: Paz, Ana e Vicente. De todo o bo que tivo este goberno, moito diso leva a súa impronta (a sostibilidade ambiental, o turismo, a dinamización do comercio, as obras, o medio rural, a economía municipal, a rebaixa da débeda,…). E a vindeira Corporación e o vindeiro goberno, traballará sobre alicerces que estas persoas deixaron creados e funcionando!!”.

Nova candidatura

Sobre a candidatura coa que o BNG concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio Suárez Barcia subliñou que “se trata dun equipo humano, con grande capacidade de traballo, con experiencia na xestión, seriedade e rigor, diversa e respectuosa coa diversidade, con xente nova e non tan nova, da vila e do campo…. e o mellor de todo que toda ela está/estamos cheos de enerxía e ilusión coa que seguir traballando e loitando por Ribadeo, pola Mariña e polo noso país. Queremos seguir construíndo Ribadeo. Fixemos moito en todo este tempo. Pero como inconformistas que somos, sabemos que queda moito mais por facer. Queremos ofrecer esta lista de homes e mulleres e pediremos a cambio a renovación da confianza para seguir transformando Ribadeo, posto que queda moito mais por facer”.

E engadiu “non son só caras para completar unha lista. Temos unha traxectoria moi importante polo que debemos manter o listón moi alto. E con esta xente, de aquí e de acolá, da vila e do campo, nacida aquí ou fóra, con experiencia na xestión pública ou animada a facelo por vez primeira. Todas e todos compartimos o mesmo norte: o noso amor por Ribadeo, polo noso país e por seguir facendo de Ribadeo esa estreliña, pequena, pero que xa se ve desde calquera parte do firmamento, e dá unha fachenda enorme ir polo mundo dicindo: eu son de Ribadeo, e que se coñeza e para ben”.