Skip to main content
ActualidadeBurela

Fernández Rey fai un balance moi positivo das actividades da IV Semana do Deporte de Burela

Por 8 Abril, 2019Sin comentarios

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fai un balance moi positivo da IV Semana do Deporte, que rematou cun torneo de xadrez. O edil socialista destacou a participación nas charlas muller e deporte e sobre primeiros auxilios.

Fernández Rey dixo que “como concelleiro de Deportes do Concello de Burela quero facer unha valoración moi positiva do que foi esta Semana do Deporte, esta cuarta edición. Teño que dicir que todas as actividades tiveron un éxito bastante razoable, quitado ao mellor o circuíto infantil que fixemos o sábado porque as condicións meteorolóxicas tampouco axudaban moito. En todo caso satisfacción por como foi saíndo todo”.

O concelleiro de Deportes subliñou que “o resto de actividades estiveron moi ben, especialmente a de primeiros auxilios no deporte tivo unha afluencia moi importante, roldou as 80 persoas. Estamos moi contentos con esa actividade que repetimos en varias edicións e que sempre ten moi bo resultado. Neste caso agradecer a Camilo que foi responsable de levar a cabo esa formación, pola implicación que pon cada ano nese cursiño”.

O edil burelés engadiu: “tamén destacar a charla muller e deporte que estivo moi entretida y tivo moita afluencia de público. Puidemos escoitar conclusións bastante importantes que eu penso que nos poden facer reflexionar sobre como está o deporte feminino, a sorte que temos en Burela onde defendemos a igualdade no deporte e demostrouse con xente que viña doutros lados que aquí en Burela estamos apostando claramente polo deporte feminino”.

Ramiro Fernández manifestou que “tamén a actividade que fixo a Federación Galega de Atletismo, que mandou técnicos aos colexios para formar aos nenos na iniciación ao atletismo, gustou moito, e onte acabamos cos torneos de xadrez que tamén tiveron bastante xente”.

Para o concelleiro de Deportes en Burela: “en definitiva é un balance moi positivo e esperemos que nas próximas edicións melloremos o programa. É verdade que tíñamos a expectativa de poder traer cousas que ao final non puidemos, e esperamos que para o ano que ven poidamos contar coa presenza desa xente que se mostrou voluntaria a participar, e ademais eran cousas moi chamativas que esperemos que para o ano poidamos ter. Como digo foi un éxito, estamos encantados de como saíu todo, e penso que debemos seguir apostando por este tipo de iniciativas que demostran que este equipo de goberno defende o deporte e aos rapaces e ás rapazas de Burela, sabemos que somos un pobo que temos moita poboación nova e creo que esta formación pode ser boa para eles e para o concello tamén”.