Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Aparecen nos últimos días pintadas de VOX en varios lugares do concello de Ribadeo

Por 29 Abril, 2019Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, puxo en coñecemento do xulgado e da xunta electoral de zona o informe elaborado pola Policía Local sobre as pintadas de VOX, que apareceron hai uns días en diversos lugares do concello, como o campo de fútbol Pepe Barrera, o campo de fútbol de Ove, o observatorio de aves de Reme ou nunha marquesiña na Devesa. A brigada de Obras do Concello procederá ao tapado desas pintadas estes días.

O rexedor ribadense declarou que “queremos dar conta dunha serie de pintadas que foron aparecendo nesta última semana de campaña electoral, en favor dunha candidatura caracterizada pola súa homofobia, polo seu racismo, polo seu machismo ou sectarismo, en definitiva polo seu odio á diversidade”.

Fernando Suárez explicou que “demos instrución á brigada de Obras de que foran tapando, sobre todo nas inmediacións do estadio municipal Pepe Barrera, e a resposta foi que, a persoa ou as persoas encargadas de cometer esa serie de actos incívicos, fixeron máis pintadas. Co cal decidimos deixalo ata esta semana en que, a partir de hoxe, imos proceder ao seu tapado. Non obstante ordenei á Policía Municipal que abrira unha investigación que recollera todas as pintadas que se foron facendo sobre o mobiliario e o patrimonio público, e todo isto foi enviado tanto ao xulgado como á xunta electoral”.

O alcalde dixo que “eu o que debo dicir é que, para facer propaganda de todos os partidos que se presentaron ou que se presentarán ás eleccións, para iso están os taboleiros de propaganda electoral, están os locais sociais, que se poden pedir e que se poden utilizar sen ningún problema, pero entendo que iso é o que debe facer a xente civilizada, utilizar os locais públicos para iso. E os que se comportan como uns túzaros entendemos que debe haber unha resposta de oprobio e de repulsa destas actitudes, e poñelo en coñecemento das autoridades competentes para que determinen o que estimen conveniente”.