Skip to main content
ActualidadeVilalba

O club vilalbés de loita, Campión de España júnior

Por 2 Abril, 2019Sin comentarios

Nos Campionatos de España de Loitas Olímpicas da categoría júnior que veñen de celebrarse no pavillón do CSD de Madrid, o Club Vilalba conseguiu outro título de Campión de España por clubs trala boa actuación dos tres loitadores vilalbeses convocados para a cita.

É obrigado comezar polo ouro de Carlos Yobani García en menos de 65 kg, que se impuxo nunha categoría na que partía como favorito despois de facer o mesmo nos pasados campionatos de España Sénior e Sub23.

Con este ouro Carlos convírtese no primeiro loitador do club en acadar tres títulos de Campión de España nun mesmo ano, algo que antes só acadara a pontevedresa Lydia Pérez e que sitúa ao vilalbés como unha das principais promesas da loita española. Sendo aínda júnior xa participa nas principais convocatorias da selección absoluta co obxectivo de preparar a cita estrela do equipo júnior nesta tempada, o Campionato de Europa Júnior que celebrará en Pontevedra no mes de xuño.

Os outros vilalbeses que contribuíron ao primeiro posto do Vilalba foron Oussama Lahnin en menos de 79 kg que acadou unha merecida prata tendo en conta a súa falla de experiencia ao ser este o seu primeiro ano competindo en campionatos de España. En menos de 74 kg tivemos a Rubén Fraga Cal que, a pesares de gañar os dous primeiros enfrontamentos, non puido repetir o bronce que acadou hai tres semanas nos estatáis da categoría cadete.

O equipo galego contou con máis representación da loita lucense, en concreto dos rabadenses Jonathan Pernas e Carmen Carrasco. Jonathan co seu bronce en menos de 92 kg foi decisivo, xunto coas preseas vilalbesas, para que Galicia acabase en primeiro posto por seleccións en libre masculina. Carmen en menos de 62 kg acadou o sexto posto na modalidade de loita feminina, un pasiño máis na consolidación da loita femina na provincia.