Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta anuncia a promesa de construír un espazo de coworking no polígono

Por 15 Abril, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta segue a facer públicas as diferentes medidas e propostas que darán forma ao seu Programa Electoral de cara ás vindeiras Eleccións Municipais anunciando que vinculará a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Espazo de Coworking, isto é: un espazo físico de titularidade municipal dirixido á promoción das iniciativas emprendedoras que combine a utilización de despachos co asesoramento na xestión empresarial e a prestación duns servizos comúns para cubrir as necesidades básicas de novas empresas durante os primeiros anos da súa vida, mediante o pago dun prezo público.

Tal e como explican dende Vilalba Aberta, ter unha oficina propia, cunha boa conexión a Internet e con todas as comodidades que se necesitan para traballar cada día é algo inasumible para moitos vilalbeses/as emprendedores, que se ven obrigados a montar a oficina nas súas propias casas. Diante desta demanda de sitios nos que fundar unha empresa propia, xorden os espazos Coworking, ou o que é o mesmo, unha alternativa económica ao aluguer dun local individual. Un concepto que revolucionou xa o emprego tradicional en numerosas vilas e cidades galegas e que a formación importará ao Concello de Vilalba se goberna a partires do vindeiro 26 de maio.

A este respecto, no Programa Electoral de Vilalba Aberta incluso se recolle o importe mensual do prezo público contemplado pola formación e que sairá do resultado de multiplicar o número de metros cadrados do despacho autorizado, cos seus dous primeiros decimais, por 2 euros durante os doce primeiros meses de ocupación do despacho e por 6 euros a partir do decimoterceiro mes.

Ademais, dende Vilalba Aberta contémplase que cando a persoa ou a maioría das persoas promotoras do proxecto empresarial ou da entidade mercantil que acceda a un despacho sexan mulleres, aplicaráselles unha bonificación do prezo público a abonar nun 20 % mensual. Esta bonificación ten como obxecto promover a iniciativa empresarial da muller e a igualdade de xénero, coa finalidade de contribuír á creación de emprego e á integración definitiva das mulleres, en situación de plena igualdade, na familia, na sociedade e no mundo laboral, o que, en definitiva, pode conducir á consecución dun crecemento económico inclusivo e sustentable.