Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta fai unha nova proposta encamiñada á regulación do estacionamento na rúa da Pravia

Por 17 Abril, 2019Sin comentarios

Antes da presentación do seu Programa Económico ao completo, Vilalba Aberta segue a facer públicas as diferentes propostas programáticas, tamén, no relativo a urbanismo e mobilidade.

Apenas 3 días despois de presentar diante da veciñanza o seu Plan de Peonalización progresiva para a zona vella, a formación vén de presentar unha nova proposta, neste caso encamiñada á regulación do estacionamento na Rúa da Pravia.

Tal e como se recolle no programa, trátase dunha fórmula de control, que procura a necesaria mobilidade a través dun sistema de lectura de discos – utilizado xa noutros municipios – fixándose para o mesmo un tempo máximo de estacionamento de 90 minutos e a partir do cal se daría pé a unha sanción. Unha medida, que dende Vilalba Aberta, lembran, poderá levarse a cabo a través da ampliación do plantel da Policía Local e/ou a través da anunciada contratación de auxiliares.

Na mesma liña, dende a formación, recalcan, “a intención non é outra que a de optimizar as prazas de estacionamento”, pois a iniciativa “non ten fins recaudatorios”, tal e como se encargou de subliñar o seu Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.

A medida implantarase ao longo da citada vía e a ambas as marxes da calzada e precisaría, para facerse efectiva, da instalación dalgúns sinais e da distribución dos típicos reloxos para programar a hora, polo que dende a formación non quixeron adiantar un prazo concreto para a entrada en vigor do sistema.

En canto aos sinais verticais, Vilalba Aberta ten previsto colocalos nos extremos da rúa para informar os condutores do cambio.

O alcaldable da formación, Modesto Renda, explicou que “a medida figurará no programa, en base ao proposto pola veciñanza no Programa Participativo e á boa acollida que esta tivo despois de realizar, o candidato, unha pequena sondaxe entre residentes e comerciantes.”

“Coa adopción desta medida desbloquearíanse os problemas para estacionar e  favoreceríase ao comercio e aos negocios locais, ao tempo que se melloraría a  calidade de vida dos veciños/as e residentes.”

A este respecto, o Candidato de Vilalba Aberta, lembrou tamén que varias localidades galegas poñen en práctica xa sistemas gratuítos para regular o estacionamento nos que se utiliza o modelo de control proposto pola súa formación. Así, “dende As Pontes ata Carballo, O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos de estacionamento.”

Ao respecto do tempo establecido, dende Vilalba Aberta entenden que “os 90 minutos que se autorizarían, deberían resultar suficientes para facer as compras ou realizar as xestións nos diferentes negocios e bancos” que se distribúen ao longo da céntrica rúa.

Aínda que a restrición non ten afán recaudatorio, senón disuasorio, a normativa prevista por Vilalba Aberta, establece multas de entre 50 e 70 euros, segundo a gravidade e tipoloxía da infracción, para aqueles que aparquen sen o disco ou non respecten a delimitación horaria. Estas cantidades veríanse reducidas á metade de se abonar no prazo voluntario dos 20 días posteriores á notificación.