Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta presenta o seu Programa Económico ao completo

Por 22 Abril, 2019Sin comentarios

Logo de facer públicas xa, e durante a pasada semana, algunhas das principais medidas e propostas en materia de desenvolvemento económico e industrial; Vilalba Aberta presentou o seu Programa Económico ao completo de cara ás vindeiras Eleccións Municipais.
A formación volveu reafirmarse no xa anunciado compromiso coa ampliación do chan industrial, así coma na “prioritaria” negociación dun acceso directo do Polígono coa A-8, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción en Vilalba.

Na mesma liña, e ao tempo que agradeceron a boa acollida que entre a veciñanza tivo o Plan Municipal para o retorno da Mocidade.

Tal e como lembrou o seu candidato á Alcaldía, Modesto Renda: “Existen numerosos exemplos de Concellos rurais e semirurais nos que se levaron a cabo programas de axuda á contratación de mozos da localidade, bonificando fiscalmente á súa pequena e mediana empresa. Este tipo de medidas, foron aplaudidas e contaron cada vez con máis beneficiarios, pois alá onde se puxeron en práctica, axudaron á xente nova á hora de conseguir un traballo, evitando que tivesen que seguir no paro ou trasladarse.”
Ao respecto do desenvolvemento económico e o fomento do emprendemento, o programa económico de Vilalba Aberta recolle tamén a redacción dunha nova ordenanza de tramitación, co fin de reducir e simplificar os trámites para a obtención de licenzas de actividade, funcionamento e obras.
Dende a formación, lembran, “O Goberno Municipal chegou a recoñecer en Pleno entre 7 e 9 infraestruturas públicas en desuso no Concello.” Para poñelas a producir, o programa de Vilalba Aberta delimita a posta en marcha dun concurso de ideas no cal, a través dunha comisión transparente e pública, se ditaminarían os beneficiarios últimos da iniciativa.

Centralizar toda estratexia municipal relacionada co desenvolvemento económico e as políticas de emprego, é un obxectivo fundamental a ollos de Vilalba Aberta. Neste senso a creación desta nova concellería, que diferirá completamente da equivalente actual, pois, tal e como remarcou a número dous da formación, María Xosé Fernández, “será moito máis proactiva, potenciando a relación cordial e colaborativa co noso tecido empresarial, desburocratizando o actual modelo de intermediación clientelar e cunha dotación orzamentaria que a converta nun instrumento eficaz para lograr unha maior implantación de actividade económica no Concello coa consecuente creación de postos de traballo que isto implicaría.”

“O Concello debe poñerse inmediatamente ao servizo do pequeno e mediano comercio”, así de claro responden dende Vilalba”. Unha vontade, en base á que delimitan un marco de actuacións municipais entre as que destacan a idea de impulsar, en colaboración coa Asociación de Empresarios e os comerciantes da vila, o Centro Comercial Aberto de Vilalba. Unha iniciativa, cuxo éxito e rendibilidade foi contrastado xa en numerosas vilas de Galicia e do Estado, e onde o pequeno e mediano comercio local se articula co apoio do Concello nun proxecto de urbanismo comercial, potenciando a fidelización da clientela. Unha agrupación de establecementos comerciais, hostaleiros e doutras actividades, que ofrecen cada día o mellor de si mesmos para encher de vitalidade e dinamismo as súas vilas, unidos nunha organización e baixo unha marca que nace para desenvolver accións e servizos que beneficien ao asociado e ao consumidor.

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta propoñen unha grande Campaña Municipal en Nadal, para o incentivo das compras nos comercios e tendas da vila, “en tanto que que se ese diñeiro permanece no Concello, estará a se reinvestir en Vilalba, máis se cabe nunhas datas onde o consumo se dispara.”
Ademais, o programa fixa unha proposta relativa á promoción, tamén da man da Asociación de Empresarios, dun Bono do Comercio Local con fin de incentivar e fidelizar as compras na vila. A este respecto, potenciar e apoiar economicamente as diferentes estratexias colaborativas entre os comerciantes, é a outra prioridade a abordar.

O obxectivo de Vilalba Aberta neste eido, non é outro que o de recuperar da antiga concepción de Vilalba, coma encrucillada de camiños, e na que as xentes da contorna se daban cita para mercar e socializar coa veciñanza de vila e parroquias. Neste senso, e ademais de reforzar as feiras mensuais e os mercados que se veñen celebrando e profundar na potenciación da Festa do Queixo de San Simón da Costa; a formación traballará da man de criadores e comerciantes na revitalización do evento que honra e prestixia o noso outro máis típico produto: A sobranceira Feira do Capón de Vilalba.
A este respecto, unha das primeiras accións que entenden necesarias para cumprir cos anteditos obxectivos é a relativa á rectificación na decisión de trasladar ao 15 postos á localización da Praza da Constitución e proceder á recolocación dos expositores que ata, este ano se situaban na marxe esquerda da Rúa do Calvario, no espazo actualmente en desuso do Recinto Feiral Municipal (dous dos seus tres cobertizos construídos están feira tras feira baleiros).

A promoción e revitalización do Mercado de Abastos é un dos eixos máis destacados do Programa de Vilalba Aberta, no relativo ás feiras e mercados. Tal e como explicou o número 3 da formación, José Luís Barrio, “A praza de abastos de Vilalba non vive os seus mellores momentos, pois a reforma realizada hai tres anos, cun investimento de 200.000 euros, contrasta co feito de que só queda un dos catro postos que funcionaban cando as instalacións foron arranxadas e os negocios se trasladaron da planta baixa.”
“Que aos comerciantes lles pode interesar a vitalidade dunha praza de abastos, obsérvase comprobando como noutros lugares, sexan vilas ou cidades, hai asociacións que agrupan aos donos dos negocios. Que se poden buscar novas vías parece comprobarse, á marxe dos resultados, en localidades onde as prazas de abastos se reformaron e os postos abríndose a máis sectores que o de alimentación.” Apuntou a este respecto Modesto Renda.

Para facelo posible, dende Vilalba Aberta propoñen facilitar o acceso de novos praceiros aos postos do Mercado de Abastos Municipal, pola vía dunha modificación da ordenanza reguladora do servizo de mercados, mantendo os tres tipos de postos fixos, mais pasado a pagar os arrendatarios respectivamente, ao mes, de 10 a 3€, de 7 a 2€, e de 4 a 1 euros por cada metro cadrado ocupado. Tamén seguirán mantendo a posible presenza de vendedores eventuais, mais estes estarán exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan. Os primeiros tempos están exentos de pago, pois a modificación da ordenanza permitirá que os vendedores necesiten afrontar uns gastos antes de empezar a súa actividade: segundo o investimento realizado (1.000 euros ou menos, de 1.000 a 1.500 ou máis de 1.500), a exención do pago decretada polo Concello durará dous anos, dous e medio e tres anos respectivamente.

No que ten que ver coa política turística, Vilalba Aberta presentou unha iniciativa baseada na colaboración público-privada que, tomando en consideración as propias potencialidades de vila e parroquias, contempla coma horizonte a medio prazo facer do Concello de Vilalba o destino líder do turismo de interior na Provincia de Lugo, a través dunha oferta conxunta que aglutina recursos culturais, artísticos e gastronómicos, e que se proxecta aberta aos espazos territoriais comarcais máis próximos.
Cos ollos postos neste obxectivo, a formación propón facilitar a colaboración profesional do sector, a través dunha política activa de coordinación municipal coa creación da “Mesa Municipal do Turismo”.
Na mesma liña, e tal e como explicou a número 6 da formación, María Pérez, “contemplamos prioritario reforzar o posicionamento no mercado dos produtos vinculados á nosa oferta turística propoñéndolle aos profesionais do sector a implicación municipal na ampliación da actual oferta de eventos/feiras anuais ou o aproveitamento dos acontecementos culturais e deportivos de maior relevancia para a comercialización de paquetes turísticos.”

A reformulación total da Oficina de Turismo, mellorando a súa sinalización, aumentando o persoal dependente e reforzándoa a nivel orzamentario é outra das medidas reflexadas no programa.
Especialmente novidosa é a proposta de deseño e posta en marcha da App Benvidos a Vilalba, unha aplicación móbil que ofreza, en galego, castelán e inglés, todo o necesario para desfrutar ao máximo de vila e parroquias; a información esencial para preparar a viaxe, o que o visitante non se pode perder, información xeolocalizada sobre puntos de interese (museos, monumentos, parques, restaurantes, tendas, locais de lecer nocturno…), consellos turísticos e unha completa e actualizada axenda.
A creación de novas rutas turísticas guiadas á altura do patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental, é o seguinte aspecto a destacar. Tal e como declarou a licenciada en historia do arte e número 18 da formación, Iria Currás, “cómpre liderar, en tanto que capitalidade comarcal, a posta en marcha de novos proxectos de rutas turísticas, tamén, no contexto chairego e en colaboración cos concellos da contorna.”
“Sirva coma exemplo a posibilidade de vincular unha visita á Torre de Caldaloba ou á lagoa de Cospeito, coa posta en valor da Pena Grande, a Roza das Modias e/ou dos nosos cemiterios neogóticos, entre outros.”
A este respecto, dende Vilalba Aberta remarcaron que “o turismo non debe entenderse só como un obxectivo de seu, senón coma o resultado dunha imaxe de concello a transmitir.” É por isto que “a mobilidade, a aposta pola peonalización, a preservación do patrimonio e os usos, a creatividade ou os produtos turísticos a desenvolver, serán abordados dende unha perspectiva transversal e multidisciplinar.” Concluíu Modesto Renda.