Skip to main content
ActualidadeVilalba

O BNG reclama o inicio do proceso para a renovación do contrato do servizo do lixo en Vilalba

Por 26 Abril, 2019Sin comentarios

O candidato do BNG á alcaldía de Vilalba, Vítor Rei, lembrou que “proximamente rematará a concesión do servizo de recollida e transporte do lixo coa empresa Urbaser”,  e reclamou que se inicie “o proceso para a nova concesión, de maneira transparente, deste servizo”. O candidato do BNG sinalou “é un dos contratos máis importantes, en termos económicos, que ten este concello por esto débese garantir que o proceso de adxudicación sexa limpo e transparente”.

Para Rei, esta é unha boa oportunidade tamén para comezar cun plan de compostaxe nos núcleos urbanos do concello, “medida que permitirá reducir a cantidade de lixo transportado ás plantas de reciclaxe, e polo tanto, reducir o recibo á veciñanza de Vilalba”. “Temos que tomar como exemplo o modelo de Allariz, onde tras tres anos, conseguiron reducir nun 20% a cantidade de lixo orgánico depositado nos colectores” engadiu o candidato do BNG.

Dende o BNG tamén indicaron a necesidade de revisar as accións realizadas durante a actual concesión “para comprobar posíbeis incumprimentos das condicións do contrato”. Para o candidato do BNG, “a empresa debe responder no caso de que se produciran estes incumprimentos”. Existen dúbidas sobre o cumprimento dalgunha das clusulas que figuraban no contrato de concesión e “dende o goberno municipal debe haber responsabilidade para esixirlle á empresa que cumpra con todas as condicións baixo as que foi contratada e pola que se lle pagou con fondos públicos”.