Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O candidato de CxG en Ribadeo avoga por realizar unha importante reforma na praza de abastos

Por 17 Maio, 2019Sin comentarios

O candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía de Ribadeo, Jesús Pérez Moreda, realizou unha visita ao mercado semanal dos mércores. Fíxoo acompañado dos alcaldables desta formación en Lourenzá, Foz e Burela e con membros da súa lista.
Pérez Moreda avogou “por realizar unha reforma por completo da praza de abastos, para conseguir que se converta en mercado de excelencia. Esa remodelación suporía mellores espazos para a venda, mellor exposición, mellores instalacións para os vendedores, etc. Pensamos que deben aproveitarse as dúas alturas do edificio co obxectivo de diversificar a oferta que alí se puidese atopar. Queremos unha praza de abastos mais viva, mais dinámica, que sexa un referente da venda dos produtos locais, da terra e do mar. Tamén habería que cubrir os laterais, de cara a unha posible ampliación”.
Este punto aparece recollido no programa electoral de CxG en Ribadeo, ao igual que a mellora do servizo de limpeza do Concello. O candidato á alcaldía subliñou que “Ribadeo precisa soterrar os contedores de recollida do lixo para ir chegando á eliminación total dos que hai instalados na rúa. É complicado, pero esa é a liña que temos que seguir para dar unha imaxe de vila moderna. E habería que obrigar aos supermercados a facerse cargo dos contedores que empregan, para que os teñan limpos e gardados nos seus locais ata que se aproxime a hora da recollida ou o peche dos seus negocios. Deste xeito evitaríanse malos cheiros na rúa no verán ou que as caixas de peixe voen polas rúas en días de vento forte. Hai que coidar moito máis a imaxe de Ribadeo”.
Jesús Pérez Moreda tamén falou hoxe das terrazas. O alcaldable de CxG considera necesario “modificar a normativa municipal neste ámbito. Vivimos nunha zona na que chove moito. O normal sería que contásemos con terrazas cubertas, seguindo unhas indicacións, uns deseños… dándolle uniformidade a toda contorna da igrexa e a outras zonas da vila”.
O candidato á alcaldía de Ribadeo tamén se referiu nesta xornada á situación do tráfico. Pérez Moreda manifestou que “o goberno municipal de Ribadeo leva tempo destruíndo prazas de aparcamento. Hai que intentar reorganizar o tráfico, arranxar e adaptar as prazas existentes e os espazos destinados a este fin. Hai que mellorar a sinalización destas zonas, porque moita xente que chega a Ribadeo non sabe que algúns lugares se poden empregar como aparcamentos para os seus coches. A reorganización do tráfico pasa pola instalación de semáforos para evitar atropelos, golpes ou colisións e determinados cruces de rúas en Ribadeo. Ao igual que a construción de rotondas nas inmediacións do Parador de Turismo e tamén no acceso a Rinlo”.
E lembrou que “a primeira medida que tomaremos cando cheguemos ao Concello, e que figura no programa, é a redución ao 50% de todos os soldos políticos, e esa partida duns 50.000 euros, irá destinada a servizos sociais, a prestar unha mellor atención nas súas casas á xente maior de Ribadeo, á que vive nas parroquias e tamén na vila”.