Skip to main content
Actualidade

Destinadas axudas por importe de 760.000 euros a impulsar recursos turísticos no rural da provincia

Por 12 Maio, 2019Sin comentarios

Co fin de impulsar as infraestruturas turísticas no rural, achéganse a provincia de Lugo un importe global de 760.000 euros para desenvolver 33 actuacións.

Este programa apoia actuacións de recuperación e sinalización de recursos turísticos e de mellora da accesibilidade, co obxectivo de potenciar o turismo como factor  de crecemento económico do rural galego e como instrumento de reequilibrio territorial.

En Lugo financianse 31 solicitudes individuais doutros tantos concellos e dúas iniciativas conxuntas: A agrupación de concellos da comarca de Quiroga, cun proxecto para sinalizar o territorio do xeoparque Montañas do Courel -recentemente declarado xeoparque mundial pola Unesco-, e a agrupación de Becerreá, As Nogais, Baralla e O Corgo para sinalizar a Vía Küning.

Estes proxectos suman un investimento mobilizado de 1,2 millóns de euros, dos que o goberno galego achega algo máis do 65%. Polo que respecta á distribución territorial, a maior parte dos proxectos desenvolveranse no sur da provincia (11 proxectos), seguido da Mariña (con 8).

Esta liña de axudas ampara medidas de rehabilitación ou restauración de construcións, elementos de interese etnográfico ou da  arquitectura tradicional, para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas. Tamén o embelecemento dos accesos e do contorno, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros ou rutas, adecuación de aparcamentos, soterramento de contedores, eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións, e eliminación de barreiras de calquera tipo que dificulten o acceso de persoas con discapacidade ao recurso turístico e á información explicativa.