Skip to main content
Actualidade

Arrinca o VI Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación que reunirá a 34 expertos

Por 10 Maio, 2019Sin comentarios

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago e a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro inauguraron no Museo Provincial o VI Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación, que continuará no Museo Pazo de Tor e no Museo Fortaleza San Paio de Narla. Entre os tres días de xornadas, serán 34 persoas ou entidades as que participarán nas 6 mesas de traballo enmarcadas neste Congreso, no que a temática principal será: Redefinindo o Museo. Innovación, ferramentas de traballo e estratexias de xéneros.

García Porto sinalou que “esta é a sexta edición deste Congreso, co que dende o Goberno da Deputación ofrecemos experiencias e reflexións sobre a cuestión de xéneros e a educación. O Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación, é o foro idóneo para iniciar o proceso de reinterpretación, revisión, reescritura e reformulación da definición actual de museo, aportando unha perspectiva de xénero. A finalidade do mesmo é propor ao MDPP (Comité Permanente sobre a Definición de Museo, perspectivas e posibilidades) unha ferramenta de traballo válida, transparente e igualitaria co fin de facer dos museos espazos de igualdade, colaboración e compromiso coa sociedade”.

Como novidade, a estrutura deste Congreso, cambia de formato, pois inclúe dúas conferencias inaugurais e un obradoiro, que deixarán paso ás xornadas de mesas de traballo paralelas e simultáneas. Todas elas rematarán con sesións plenarias nas que se porán en común todos os debates. O obxectivo, destas mesas de traballo son o de promover o diálogo entre os participantes de xeito guiado, coherente e crítico de cara a analizar os temas específicos de cada día.

A xornada deste xoves, comezou con dúas conferencias inaugurais, da man da profesora de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidade de Granada, Margarita Sánchez, e continuou, co obradoiro Observando á Semente e a inauguración da exposición de Viki Rivadulla na Sala Multiusos do Museo. Esta primeira xornada, rematou co concerto Mulleres na Música, impartido por Fabiola García e acompañada por Jorge Lagunas. O VI Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación, continúa este venres e sábado no Museo Pazo de Tor e o Museo Fortaleza San Paio de Narla, respectivamente. Tras o remate destas xornadas, o Congreso terá continuidade na modalidade virtual.

Participan nestes foros, ademais dos catro museos que integran a Rede Museística da Deputación de Lugo, o Museo Massó de Bueu, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Sporting de Lisboa, Museo Teiza, Museo Thyssen, Museo Arquelóxico Nacional, Museo de Historia de Girona, Museos dels Jueus de Girona, Rede de Museos de Historia de Cataluña, Museo Marítimo de Barcelona, Museo de Arte Africana Arellano Alonso de Valladolid, Museo de Arte Contemporáneo Florencio de la Fuente de Cuenca, MUSAC de León, Museo Nacional de Cerámica y Artes Suntuarias González Martí de Valencia; Red de Profesionales de Museos de Argentina, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Pontevedra, Museo Arquelógico de Asturias, Museo do Pobo Galego, Casa Museo Ricardo Rojas de Buenos Aires, Museo Etnográfico de Grandas de Salime, Museo Comarcal de L´Horta Sud, Museo Municipal Carlos Reis de Torres Novas de Portugal, Sección de Museos de la Consejería de Educación y Cultura del Principado de Asturias, Oficina del Patrimonio Cultural de Barcelona, ICOM-España, MINOM e o Centro de Estudios de Historia da Cidade de Lugo, entre outros.