Skip to main content
Actualidade

As Pontes acollerá unha cátedra científica de eficiancia enerxética da UDC

Por 30 Maio, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes e a Universidade da Coruña, en función do convenio de colaboración que supuxo a creación dunha sede permanente da institución académica na localidade, puxeron en marcha un curso vinculado coa Universidade Sénior. Agora, o acordo bilateral dá un novo paso co lanzamento dunha cátedra científica de eficiencia enerxética.

Promover a cultura científica e tecnolóxica e fomentar un coñecemento que favoreza a sustentabilidade enerxética e ambiental son algúns dos fins dun proxecto educativo cuxo epicentro será As Pontes, unha das grandes potencias enerxéticas a nivel nacional. Impulsar medidas contra a pobreza enerxética será outro dos eixos centrais da nova cátedra.

Para o desenvolvemento das múltiples actividades previstas, o Concello fará uso das instalacións do colexio A Magdalena. En concreto, dalgunhas estancias do antigo Monte Caxado.

Unha das citas principais da cátedra de eficiencia enerxética que se implantará nas Pontes chegará coa celebración dunha feira científica. Pero ademais, na localidade organizaranse xornadas de divulgación e información, así como de transferencia de coñecemento e tecnoloxía. O calendario previsto completarase coa programación de conferencias, seminarios, talleres de diferente natureza e xornadas de divulgación científica e tecnolóxica. Tamén se promocionarán os acontecementos científicos e apostarase pola organización de exposicións relacionadas con ciencia e a cultura.

Desde o Concello explican que “se tratar de fomentar as relacións de intercambio no campo científico, pero tamén no cultural. Promover estes aspectos é fundamental para favorecer o coñecemento científico e tecnolóxico”. Ademais, avanzan que “traballaremos para enfocalo desde o punto de vista da sustentabilidade enerxética e ambiental”. Se se cumpren as previsións, a firma materializarase nas próximas semanas.