Skip to main content
ActualidadeBurelaMar AMARIÑAXA

A conselleira do Mar enxalza o labor social das confrarías de Lugo coa campaña de difusión da cultura mariñeira 'Cando o como?'

Por 13 Maio, 2019Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da campaña divulgativa Cando o como?, realizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e destinada aos invidentes. Esta iniciativa consiste nunha nova versión do cartel físico desta campaña adaptado ao idioma braille e a través del poden coñecer diferentes especies de peixe e marisco e o seu período de consumo.

Este cartel xera un código interno dentro dun arquivo en formato PDF que permite describir o contido que existe no propio documento. Desta maneira, calquera persoa cun lector de pantalla pode interpretar o contido do documento de maneira sonora; é dicir, que o lector de pantalla lee o contido e describe o que percibe no cartel. Para iso, a web da Federación de Confrarías de Lugo foi adaptada para a súa lectura, facilitando a accesibilidade ao contido e a súa difusión en calquera medio dixital e podendo ser interpretado por todas as persoas.

Rosa Quintana sinalou que as campañas deste tipo “derriban barreiras para crear un novo achegamento ao sector e transmiten optimismo” e que “é gratificante saber que hai profesionais do sector tan comprometidos co desenvolvemento dunha sociedade imbricada coa pesca”.  Engadiu ademais que “é unha satisfacción saber que poderemos transmitir os valores da nosa cultura mariñeira a través desta nova navegación”.

O traballo de tradución ao braille e a adaptación ao documento en formato PDF accesible foi realizado pola empresa Ilunion, que materializa no ámbito empresarial a iniciativa social da ONCE e a súa Fundación. O cartel é unha das accións realizadas no marco dun convenio entre a Federación de Confrarías de Lugo e a Consellería do Mar e forma parte do proxecto Mar de Lugo, que naceu no 2011 para difundir a pesca sustentable que practican as confrarías de pescadores da provincia de Lugo e para promocionar as comunidades mariñeiras que conforman A Mariña. En relación a este aspecto, a titular de Mar subliñou que “é un orgullo saber que o apoio que a Consellería do Mar presta a esta Federación ten un destino de ampla utilidade social e de gran respaldo comunitario”.

O proxecto Mar de Lugo

A iniciativa da que xorde este cartel adaptado é o proxecto Mar de Lugo, que comezou no 2011 e que foi promovido polo antigo Grupo de Acción Costeira A Mariña – Ortegal. A través del realizáronse diversos materiais audiovisuais para dar a coñecer a actividade que desenvolven diariamente as confrarías de pescadores da provincia de Lugo na xestión da pesca costeira e no marisqueo.

Foi un proxecto innovador no seu concepto e na súa distribución, xa que foi a primeira vez que se desenvolveu unha campaña completa de promoción do sector provincial con orixe nas propias confrarías. A campaña contou con máis de 100.000 impactos tendo en conta diversas publicacións na prensa xeral, nas webs e a distribución de material impreso remitido directamente a todos os colexios e bibliotecas da provincia.