Skip to main content
ActualidadeMar AMARIÑAXA

O prezo medio do polbo en lonxa bateu récords en 2018 e xerou ingresos por máis de 18 millóns de euros

Por 19 Maio, 2019Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo o valor socioeconómico dos cefalópodos en Galicia, onde no 2018 se comercializaron en lonxa máis de 4.400 toneladas deste grupo de especies cunha facturación de preto de 30 millóns de euros. Desas vendas, 1.900 toneladas e 18 millóns de euros corresponderon só ao polbo, que marcou o seu mellor prezo medio da serie histórica, que se remonta a 2001, con 9,73 euros o quilo. A titular de Mar salientou estes datos durante a presentación do libro Patógenos y enfermedades en cefalópodos europeos para enxalzar a importancia que teñen para a comunidade traballos como o realizado por Anfaco-Cecopesca en coordinación co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Esta publicación contén información sobre a patoloxía xeral en polbos, sepias e calamares e ten entre os seus obxectivos dotar de información de interese a patólogos mariños, biólogos, veterinarios, coidadores de acuarios, tecnólogos de alimentos ou investigadores e estudantes en xeral. Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que esta obra “colabora no aproveitamento integral e sustentable dos cefalópodos, apoia ao sector e derivará na creación de emprego e riqueza”.
A representante do Executivo galego fixo fincapé tamén no potencial deste libro que achega á sociedade o coñecemento científico, o valor comercial e a dimensión económica dos cefalópodos. Nesta importancia, Rosa Quintana destacou “a capacidade pesqueira e transformadora do sector, que fixo dos cefalópodos unha base económica de primeiro nivel para Galicia, en equidade coa súa representatividade e importancia gastronómica”.
Nesta consolidación, Rosa Quintana tamén recoñeceu o labor realizado polos centros de investigación, que desenvolveron “técnicas de captura, cría, elaboración e comercialización óptimas para o crecemento de Galicia”. “A presentación deste práctico atlas mostra como a colaboración público-privada é clave do progreso socioeconómico da nosa terra”, subliñou a titular de Mar, que engadiu que a Xunta “é consciente do valor do coñecemento científico aplicado a temáticas de interese social”, de aí o apoio á promoción desta publicación.
A conselleira do Mar tamén agradeceu o labor da asociación da industria conserveira Anfaco-Cecopesca por este traballo presentado hoxe e polo que vén realizando desde a súa fundación. Un traballo, engadiu, que marcou “a ruta pola que aumentar e afianzar as posicións do sector nun mercado internacional moi esixente”.
A publicación
Patógenos y enfermedades en cefalópodos europeos pretende mostrar os aspectos de interese sobre este grupo zoolóxico pouco estudado e facer unha revisión xeral das patoloxías das distintas especies existentes noutras zonas do planeta. O libro tamén busca dotar de información actualizada a todos os profesionais interesados nesta materia e servir como material útil para cursos de diferente tipo como doutorados, cursos de control de calidade ou para obter o título de coidadores de animais para experimentación, entre outros.