Skip to main content
ActualidadeCervo

Cervo e a USC programan as xornadas de historia 'Cervo a Carón do Patrimonio' para o 19 e 20 de xullo

Por 24 Maio, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, o investigador e profesor da UNED, José María Leal, e o graduado en historia pola USC, Adrián Cao, presentaron este mediodía as xornadas de historia Cervo a Carón do Patrimonio, organizadas polo Concello de Cervo en colaboración coa Universidade de Santiago, e que terán lugar o 19 e 20 de xullo, en escenarios do noso municipio como a Casa do Mar de San Ciprián ou o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
Tal e como explicou Villares, “vemos nesta colaboración unha oportunidade única para poñer en valor todos todo ese rico patrimonio, de sacalo á luz para que que toda a veciñanza poida entrar tamén en contacto co noso pasado”.
As xornadas contarán coa participación de relatores de primeiro nivel como o Catedrático de Historia das Institucións Económicas da USC, Xoan Carmona Badía; o Doutor e profesor de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o profesor da USC e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Carlos Andrés González Paz; a profesora de CC.SS. da Xunta de Galicia, Herminia Pernas; a experta en xestión do Patrimonio Cultural, licenciada en Xeografía e Historia e conservadora do Museo Provincial de Lugo, Silvia Fiallega; o profesor de filoloxia, escritor, poeta e dramaturgo, Paco Rivas; o conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo e licenciado en Xeografía e Historia, Juan Ramón Fernández Pacios; o profesor da UNED e investigador do Grupo de Pesca da USC, José María Leal Bóveda; e o graduado en Historia da USC, Adrián Cao.
O venres, 19 de xullo, ás 10:00 horas, está prevista a inauguración das xornadas; e ao longo dese día haberá charlas divulgativas complementadas con diferentes roteiros por San Ciprián; con escenarios como a Ponte Románica, o Museo do Mar, as antigas fábricas de Salgadura ou o Faro de San Ciprián.
O domingo, 20 de xullo, tamén están previstas diferentes relatorios con saídas de campo que pertitirán aos participantes a coñecer un pouco más sobre a historia do Complexo Industrial de Sargadelos. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, será a clausura da actividade.
Leal afondou no contido das xornadas divulgativas nas que “abarcaremos todas as épocas históricas relacionadas co noso territorio, dende o desenvolvemento dos portos na Idade Media ata a conflitividade social, sen esquecer a historia do Complexo Industrial de Sargadelos, a visión da muller e os traballos que desempeñou na sociedade mariñeira; os ataques corsarios nas nosas costas e as defensas litorais; ou a fraseoloxía mariñeira, entre outras temáticas”.
Tal e como apuntou Caramés  “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo, pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que descoñecemos”.
As charlas, que son gratuítas, están dirixidas a todas as persoas que  teñan curiosidade pola nosa historia e desexen enriquecer os seus coñecementos sobre o noso Patrimonio.
Os interesados poden inscribirse e recibir información no teléfono 982595157 ou no correo casadacultura@concellodecervo.com.