Skip to main content
ActualidadeViveiro

Os socialistas acusan á Xunta de ter paralizada a nova sala de espera para mulleres maltratadas do xulgado de Viveiro

Por 31 Maio, 2019Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero acusou á Xunta de ter paralizado durante tres anos e medio a nova sala de espera para mulleres maltratadas do Xulgado de Viveiro que foi posta a disposición polo concello en decembro de 2015. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Pleno para reclamarlle ao goberno que formalice a cesión do inmoble do Concello na rúa Alfonso Pérez.
Otero reivindicou un “espazo digno que garanta a comodidade e o anonimato” para as mulleres que deciden dar o paso e denunciar ao presunto maltratador, e que agora teñen que permanecer nun espazo acondicionado no arquivo do Xulgado do Civil, coa incomodidade e o risco de cruzarse cos denunciados.
Advertiu o escaso custe económico desta actuación da que “só falla vontade política” por parte do Conselleiro da Vicepresidencia que puxo en dúbida logo de que onte o PP votara en contra dunha moción socialista para reclamar o remate, catro anos despois, do Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010-2015.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de levar “dez anos discriminando e castigando aos veciños e veciñas de Viveiro porque non lles gusta que goberne o PSdeG”, e puxo como exemplo que “condicionara a mellora do vial Viveiro – Cabreiros a que gañara o seu candidato”. Advertiu que a alcaldesa, María Loureiro, “continuará gobernando o Concello porque os veciños e veciñas votaron contra o sectarismo e a política caciquil do PP”.