Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

Abre a residencia e centro de día de Pol co ingreso dos primeiros 13 veciños do Concello

Por 3 Xuño, 2019Sin comentarios

Xa ingresaron na Residencia de Pol os primeiros 13 maiores da provincia que neste centro público que Deputación e Concello construíron no seu municipio. Ao longo do día de hoxe, os usuarios seleccionados irán entrando ao centro de maiores coa que quedará formalizada a súa entrada. Son 13 seleccionados que teñen, de media, uns 83 anos e pagan 900 euros pola atención que reciben na residencia. So total, 7 son veciños de Pol que arestora non desfrutan de ningunha atención, outros 3 tamén de Pol pero que están noutras residencias ou vivendas comunitarias privadas e volven ao seu municipio, así como 1 de Baleira e 1 de Castro de Rei que están en residencias privadas en Lugo e 1 veciña de Castro de Rei que non ten praza. Este centro ofrece 36 prazas de residencia e 15 prazas no centro de día, e as persoas que o desexen poden solicitar a súa praza nas dependencias municipais.

As dependencias gozan dunha excelente situación, pois atópanse a carón do centro sociocultural da vila e doutros establecementos. A residencia con centro de día de Pol conta cunha superficie de 1.676 metros cadrados, con 24 habitacións dobres, que permitirán ofrecer un total de 50 prazas.

Ao igual que no resto de residencias con centros de día públicas que constrúe a institución provincial, os usuarios dispoñen doutras dotacións, como salas de estar, de lectura ou de televisión, todas elas de uso común, así como de servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios tanto da residencia como do centro de día.

A adxudicataria resultou ser Mensajeros de la Paz, entidade encargada das prestacións de limpeza, manutención e asistencia básica para o centro de maiores de dito municipio chairego. Son 1,9 millóns de euros para 4 anos.

Entre as melloras ofertadas destacan as 78 horas mensuais de actividades para o envellecemento activo dos maiores; atención especializada en áreas como nutrición, respiración, hidratación, hixiene persoal, mobilidade ou traslados; a prestación de servizos complementarios e gratuítos como sesións mensuais de podoloxía, peluquería ou barbería; menús adaptados a cada maior por nutricionistas; pratos elaborados con produtos da tempada, con certificación de orixe e mercados en establecementos da zona; pratos especiais en aniversarios, celebracións, visitas de familiares que poderán comer cos seus maiores…; servizo de limpeza continúa, con produtos respectuosos co medio ambiente, reciclaxe, separación de residuos…; prestación dun servizo de lavandería continuo e que inclúe traballos de xastrería…

O pioneiro protocolo que desenvolveu a Deputación en colaboración cos Concello recolle que os centros de maiores teñan unha xestión pública; que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día, en segundo termo para os dos municipios limítrofes e da Comarca e logo para lucenses en xeral; e que todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poidan acceder as prazas. Deste xeito, a Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico nos centros dos Concellos de menos de 5.000 habitantes por seren os de menos recursos económicos. Se os municipios contan cunha poboación maior, este déficit asumirao o Concello. Isto garante o acceso universal de todos os lucenses ás residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.