Skip to main content
ActualidadeViveiro

Os socialistas esixen que comece o saneamento da Ría de Viveiro ante o risco de perder os fondos Feder

Por 27 Xuño, 2019Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle á conselleira de Obras Pública que inicie as obras de saneamento da Ría de Viveiro, que a UE esixiu en 2010 e que a Xunta leva adiando dende entón poñendo en risco os 2,4 millóns de euros dispoñibles dos fondos Feder. Otero presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixir “axilidade” por parte de Augas de Galicia para iniciar as actuacións.
A responsable socialista retrucoulle á conselleira, que sinalara que o Concello se vira “superado” pola situación, que “o único superado foi o PP nas últimas eleccións municipais”, e preguntoulle “se estariamos a falar deste incumprimento se en Viveiro gobernara un alcalde do PP”. Puntualizou que “non lles estamos a pedir que lles guste que goberne María Loureiro nin o PSdeG, estámoslle a pedir a Augas de Galicia que realice as obras de saneamento pendentes”.
Otero alertou que Galicia está en serio risco de perder os fondos europeos se a Xunta incumpre coa data límite posta pola UE, en decembro de 2020, para rematar coas obras. Esta data, lembrou, foi fixada en 2010, ao que o goberno galego respondeu en 2011 anunciando a execución en 2015, pero “estamos a xuño de 2019 e as obras nin sequera están iniciadas”, e alertou de que “tampouco van cumprir” co novo prazo fixado para 2019.
A parlamentaria socialista esixiulle á conselleira que comece co proxecto de saneamento da ría coa retirada do antigo emisario submarino, como paso previo á instalación dun novo, así como dunha nova estación de bombeo en Celeiro e un novo depósito. Este é o segundo proxecto do saneamento que debera comezar coa construción dunha nova balsa, un novo pretratamento e unha nova desinfección da Edar de Viveiro.