Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O BNG pide que se resolva o conflito laboral do persoal de helicopteros de salvamento marítimo e loita contra incencios

Por 4 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A deputada do BNG, Montse Prado demandará  no Parlamento galego, a través dunha proposición non de lei, a implicación da  Xunta para solucionar o conflito laboral da empresa Babcock MCS, concesionaria do servizo de helicópteros para labores de salvamento marítimo e loita contra os incendios.
A parlamentaria do BNG, lembra  que o persoal da principal concesionaria do servizo de helicópteros, Babcock MCS  forma parte da compañía británica Babcock Internacional Group, antiga INAER, permanece en folga dende  o venres 17 de maio , con calendario de paros ao longo do resto do mes de convocatorias para os meses de xuño e xullo en resposta á  intención da empresa de modificar as condicións laborais con recortes salariais entre un 13 e un 30%, a pesares de ter anunciado beneficios millonarios.
Os  traballadores e traballadoras anunciaron que non aceptarían  esta redución sobre un servizo que leva soportado “recortes do cadro de persoal en talleres e tripulacións,  falta de stock en pezas de reposto e a eliminación de gran parte dos dereitos adquiridos”.
A nacionalista explica que a Consellería do Mar ten subscrito coa empresa Babcock Mission Critical Services España, S.A.U. un contrato administrativo de servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para o  servizo de salvamento marítimo de Galicia desde o 31 de outubro de 2017. Ao mesmo tempo a compañía tamén vén prestando os seus servizos á Consellería do Medio Rural a través dos contratos de servizo integrado de helicópteros e brigadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais co servizo integrado dun helicóptero así como  técnicos coordinadores con destino á prevención, vixilancia e coordinación de medios aéreos de defensa contra incendios forestais.
A deputada do BNG advirte que a situación denunciada pode repercutir directamente na seguridade das operacións  e na calidade do servizo, o que debe ser, na súa opinión, obxecto de preocupación da Xunta de Galiza sobre todo, en un momento de especial risco  de incendios.
Na actualidade, engade Prado,  o colectivo de rescatadores, técnicos de mantemento, pilotos e operadores de medios tecnolóxicos  manteñen a convocatoria de paros de 24 horas para os días, 3,4,5,6,10,11,12,13,17,18,19,25,26 e 27 de xuño e  1,2,3 e 4 de xullo que se sumarán aos paros realizados durante o mes de maio polo que reclama “responsabilidade política” á Xunta e que medie nun conflito laboral provocado pola  decisión “inxustificada” da empresa na que traballadores e traballadoras desempeñan un labor fundamental para garantir a seguridade das persoas, a través de salvamento marítimo e prevención e defensa contra os incendios forestais.