Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo licitará as obras de ampliación en Coto de Otero tras o informe favorable de Patrimonio

Por 13 Xuño, 2019Sin comentarios


A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vénlle de remitir ao Concello de Mondoñedo o informe favorable ás obras de ampliación en Coto de Otero, o que conleva a posta en marcha da licitación das obras. Con este paso o Concello tramita xa a dispoñibilidade de terreos, un acordo que aprobou o Pleno por unanimidade.
O Concello de Mondoñedo solicitoulle á Xunta o pasado mes de marzo a autorización das obras de ampliación dunha vía de titularidade municipal no lugar de Coto de Otero, na parroquia de Nosa Señora do Carme. Tal e como explicaba o Goberno local no informe enviado á Xunta, as obras teñen por obxecto mellorar unha infraestrutura viaria de titularidade municipal, en concreto, a que vai da estrada LU-124 cara o barrio de Couto de Otero e que constitúe a vía máis directa que comunica o núcleo urbano de Mondoñedo coa parroquia de Lindín.
Determinados treitos da vía presentan anchos moi reducidos e limitados entre os muros de peche e de contención existentes, polo que se proxecta ancheala ao tempo que se adapta á aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O planeamento contempla a ampliación do camiño por ambas as marxes ata o comezo do solo rústico.
As obras solicitadas sitúanse dentro da delimitación do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, polo que cómpre da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Na autorización indican que o ancheamento da vía resulta imprescindible para proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída dunha vía de alta capacidade (A-8).
As obras consistirán na roza e limpeza do terreo con retirada da terra vexetal, na demolición do muro de contención e peche, dos pasos salvacunetas existentes, así como do pavimento que sexa necesario retirar para executar o novo paquete de firme. Tamén farase a escavación por medios mecánicos para a retirada de terras tras o muro e xunto á calzada para a ampliación da caixa do firme e a cuneta, e a execución de gabia para aloxar a canalización do cableado.
Construirase un muro de pedra e pasos salvacunetas, executarase a nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente e pintaranse as marcas da vía e recolocación dos sinais.