Skip to main content
ActualidadeCervo

Nova edición de Avívate en Cervo para mellorar a empregabilidade da mocidade

Por 14 Xuño, 2019Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude, porá en marcha este verán unha nova edición do programa Avívate en Cervo dirixido a rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos.
A edil de Xuventude, Dolores García Caramés, explicou que “a actividade tivo unha gran acollida nas dúas primeiras edicións polo que apostamos por seguir ofrecéndolle á nosa mocidade esta ferramenta formativa que consiste na realización dunha serie de actividades encamiñadas a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro, co obxectivo de contribuír a mellorar a súa empregabilidade nun mercado laborar cada vez máis competitivo”.
Neste senso, a actividade principal  será o curso de monitor de tempo libre, que se impartirá dende o 1 xullo ata o 12 de agosto en horario de 9:00 a 15:00 horas. O programa complétase cun obradoiro de motivación empresarial emocional, un taller de cociña biosaudable, unha xornada de ioga impartida por unha especialista no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, unha visita á Escola Infantil Municipal para coñecer o seu funcionamento e cun xantar de convivencia para todas as persoas asistentes.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir as inscricións e entregalas antes do 28 de xuño na Casa da Cultura ou no Concello. As prazas son limitadas.
Caramés animou a todos os mozos e mozas a participar e sinalou “que coa experiencia das dúas últimas edicións podemos dicir que este programa pode ser un bo complemento formativo e un apoio importante para o seu desenvolvemento persoal e profesional”.