Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

Acruga e Deputación renovan o convenio para a recría na granxa Gayoso Castro

Por 15 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) celebrou a súa asamblea anual para facer balance da situación do colectivo, dos seus criadores e do sector en xeral. Fíxoo da mellor forma posible, coa sinatura ante os centos de gandeiros e gandeiras de dous convenios coa Deputación de Lugo, por catro anos cada un. Estes acordos suporán, por unha banda, renovar o acordo para a recría de novillas na granxa Gayoso Castro e, por outra, axudar aos criadores de rubia da provincia, que incriban por primeira vez femias no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico, garantindo a pureza da raza.
O presidente en funcións da Deputación, Darío Campos, e o de Acruga, César Dorado asinaron esta mañá os dous acordos que supoñen o mantemento da axuda institucional aos gandeiros de rubia. A principal novidade está no incremento desta colaboración, cun segundo e novo convenio, que contempla 200.000 euros anuais, o que supón 800.000 nos catro anos. Estas axudas van dirixidas aos criadores da provincia de Lugo que inscriban por primeira vez a femias no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico, é dicir, que son exemplares dos que se coñecen os seus proxenitores e dos que hai total garantía da pureza da raza. Os principais obxectivos deste novo convenio pasan por potenciar o incremento dos censos de animais no Rexistro Definitivo, promover a cría de reprodutoras en pureza de raza, potenciar a recría en explotacións de orixe e promover a a recolleita de mostras biolóxicas para análises de filiación e xenómicas da raza.
As bases reguladoras publicaranse no BOP así como as condicións polas que os criadores poderán acollerse a estas axudas. Por exemplo, para o que será o primeiro ano, as solicitudes, realtivas a todos os animais incritos no Rexistro Definitivo dende xaneiro de 2019 a 31 de decembro deste ano, os gandeiros poderán solicitar estas axudas dende a publicación no BOP ata o 10 de xaneiro de 2020.
O importe a pagar por cada animal dependerá do número de animais inscritos. No 2018 houbo uns 1.300 exemplares neste rexistro, aínda que hai que ter en conta que estas axudas só se concederán a gandeiros e gandeiras da provincia de Lugo. A asociación, que pasa a ser entidade colaboradora da Deputación, terá a obligatoriedade de xestionar estas subvencións.
No que respecta á renovación do convenio xa existente, adicaranse 688.000 euros á recría de novillas na Granxa Gayoso Castro, (172.000 euros ao ano), para manter esta colaboración que naceu no ano 2007 e que tan bos resultados está dando, como se demostra nas subastas organizadas por Acruga ao longo do ano.
Os obxectivos concretos deste convenio son: evitar o sacrificio de femias de alto valor xenético e por tanto moi favorables para a reprodución; faciliar o accceso á compra por parte dos gandeiros de novillas preñadas de raza rubia gallega; aumentar a variabilidad xenética nas explotacións gandeiras; potenciar a celebració de subastas públicas e promocionar a raza en feiras e certames.
O presidente de Acruga, César Dorado, insistíu no continuo apoio da Deputación de Lugo áos gandeiros e gandeiras de rubia e chamou a atención dobre esta nova liña de axudas que supón “dar resposta a unha das reivindicacións dos gandeiros e polo tanto ver cumpridos un dos principais e máis inmediatos obxectivos de Acruga. Non nos quedaremos aquí; seguiremos traballando en novos retos”, sinalou.
Leve tendencia á alza
En canto ao balance que se fixo no transcurso da asamblea anual, previa á sinatura dos convenios, houbo varios datos que falan dunha tendencia á alza, como o leve incremento do número de animais inscritos no libro xenealóxico, 38.710 no pasado ano fronte aos 36.256 do ano 2017. Máis significativo e importante é o incremento no número de reprodutoras, que subiu de 25.498 aos 28.172 rexistrados a 31 de decembro de 2017.
Outro dos datos positivos dos que se deu conta foi a tendencia á alza dos prezos medios acadados polas novillas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, subastadas nas poxas tanto provinciais como nacionais de Acruga. No 2018 mantense o prezo medio por encima dos 2.100 euros, un dato moi positivo se se ten en conta que as poxas parten dos 1.800 euros. Hai que destacar que no que levamos de ano e a falta de dúas subastas nacionais (as de Adai en xuño e en setembro) e de catro poxas provinciais, o prezo medio neste 2019 supera os 2.400 euros, grazas as altas cotizacións alcanzadas nas subastas de Pedrafita e Becerreá ou novas subastas do Caurel e de Cervantes.
Homenaxe
Antes da celebración do xantar, coa asistencia de centos de gandeiros e gandeiras ademais das autoridades en representación das distintas institucións, levouse a cabo unha homenaxe aos gandeiros e gandeiras que se xubilaron ao longo do último ano, con explotacións nas provincias de Lugo, na súa gran maioría, ademais de na Coruña e en Ourense. Foron un total de 21, dos que acudiron a este acto 10, todos eles con explotacións en Lugo e un, na Coruña.