Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo conta co Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais

Por 20 Xuño, 2019Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo conta xa co Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O documento será aprobado nos vindeiros días, antes de expoñelo ao público. Tras a exposición, será aprobado de xeito definitivo, previo informe da Dirección Xeral de Montes. A rexedora, Elena Candia, avanza que farán visitas polas parroquias para dalo a coñecer e exporán o documento nos locais sociais, ademais de no consistorio.
O obxectivo principal deste Plan Municipal, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, é a definición da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas coa fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas.
O obxectivo descrito concrétase nunha serie de accións sobre o territorio que buscan organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, unido á construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas, o tratamento de áreas forestais nun esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos no ámbito da defensa de persoas e bens e a defensa dos montes.
O Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA) indica que o índice de risco potencial para o Concello é alto, pero non está declarado como zona de alto risco. No período 2088-2017 o Concello presenta unha media de 1,80 incendios/ano e 1,91 hectáreas/ano queimadas.  O número de incendios forestais foi de 18, queimando un total de 19,11 hectáreas; 3,31 arboradas e 15,80 rasas. No Concello de Mondoñedo non hai declarada ningunha parroquia de alta actividade incendiaria segundo o PLADIGA 2019.
O plan establece as medidas a tomar para a xestión da biomasa, a definición das redes secundarias de faixas, perimetral ao solo urbano, núcleo rural e urbanizable e arredor das edificación destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas. Tamén medidas para a xestión da biomasa en pistas, vías, camiños e estradas de titularidade municipal, así como nos montes municipais.
Obrigas dos propietarios
Todas as persoas propietarias teñen a obriga de manter limpos de maleza os terreos arredor das súas vivendas para previr incendios, así como gardar unha certa distancia ás plantacións forestais. Aínda que a normativa autonómica é moito máis ampla os casos máis habituais son:
Fóra de solo urbano ou rural, establécese a distancia de 15 metros con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais no caso de que se empreguen especies de frondosas caducifolias, e de 50 metros no resto de especies.
En solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado, a distancia será de 2 metros cando se empreguen as especies de frondosas caducifolias, e 50 metros no resto de especies.
É obriga do propietario manter limpa esta zona antes do 31 de maio de cada ano.