Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O obradoiro de emprego 'Ribadeo co camiño' rematou os traballos de rehabilitación da área recreativa de O Campín en Ove

Por 25 Xuño, 2019Sin comentarios

O módulo de xardinería do Obradoiro de  Emprego Ribadeo co Camiño ultima os detalles da rehabilitación total da área recreativa de O Campín, na parroquia de  Ove.
Os participantes, que reciben formación do Certificado de Profesionalidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, levan desde o mes de outubro pasado desenvolvendo prácticas nas áreas de descanso ao paso do Camiño de Santiago por Ribadeo.  En concreto na área recreativa de O Campín levaron a cabo labores de mantemento do céspede, podas e coidados en xeral. O pasado mes de maio os participantes lograron realizar unha poda de rexuvenecemento do sebe perimetral que ameazaba aos usuarios e á iluminación pública. A directora do Obradoiro,  Maitane Aránguiz, sinala que “foi unha oportunidade para desenvolver unha práctica coordinada entre o programa formativo, os alumnos participantes e a Concellaría de Obras e Medio Rural de Ribadeo. Ademais de recuperar o sebe puidéronse realizar traballos de poda en altura e toda a coordinación que a tarefa require”.
Xa próxima a festa de San Xoán na parroquia de  Ove os participantes desenvolveron durante as dúas últimas semanas labores de mantemento e rehabilitación do mobiliario urbano e parque infantil  que se atopaba deteriorado. Acorde ás prácticas profesionais non laborais axustadas ao Certificado de Profesionalidade, os participantes levaron a cabo labores de preparación da madeira, formigón e aceiro, lixado e pintado, o que supuxo un cambio total na imaxe do espazo axardinado. Así mesmo reforzáronse as ancoraxes de parte das luminarias, papeleiras e peche perimetral do parque infantil e pintado de porterías e canastras. Sinala  Aránguiz que “este tipo de prácticas son unha mostra da profesionalidade adquirida polos participantes nun campo tan diverso como é a xardinería, abarcando por suposto céspede e árbores, pero sen descoidar todos os elementos non vexetais que compoñen a imaxe dos espazos axardinados”.
O público que se achegue o vindeiro domingo e luns á festa atoparase cun espazo colorido e rehabilitado froito dos traballos de prácticas do  Obradorio de Emprego Ribadeo co Camiño.
Rematados os traballos na área de O  Campín, de Ove, nas seguintes semanas o módulo seguirá pechando obras en O  Valín, Vilela, A Pena e San Vicente de Covelas.