Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Sobre o chamado copago farmacéutico igualitario

Por 9 Xullo, 2019Sin comentarios

Por Raul Río

Na vez de eliminar o inxusto copago farmacéutico actual, imposto aos xubilados e pensionistas polo anterior Goberno do PP, os que nunca foron solidarios coa clase traballadora, eses gurús do sistema capitalista que pretenden privatizar o Estado, non paran de inventar novos modos de rematar co sistema de pensións públicas, arruinando aos nosos maiores e á xuventude de agora cando cheguen a esa idade. Pretenden convencernos de que o seu último invento, o chamado  “copago igualitario”, é solidario, xusto e necesario, porque seica non hai dereito a que un pensionista pague menos polas menciñas que un traballador en activo, polo que o queren igualar, pero ao seu favor. Pretenden que paguen os pensionistas o mesmo que os traballadores en activo, non que os traballadores en activo paguen so o que xa inxustamente pagan agora os pensionistas e xubilados.

Calquera pode ver que esa non é a solución para facer viable o sistema de pensións e da Seguridade Social, senón que se trata de recadar mais diñeiro dos xa esquilmados pensionistas.

Non sei en que universidade estudarían economía ou si o que estudaron foi o xeito de facernos comulgar con rodas de muíño, pero dicir que é solidaria e argumentar que hai pensionistas que cobran mais de pensión que algúns traballadores, sen ruborizarse polos baixos salarios e da precariedade laboral actual da que eles son responsables, é rirse de nós. Non querer recoñecer que eses son os verdadeiros motivos de que a Seguridade Social e o sistema público de pensións se atopen nesta situación é un insulto á nosa intelixencia, pois unha subida salarial aos traballadores en activo aumentaría as cotizacións, os ingresos para ese sector público e garantiría unhas maiores pensións no día de maña para os traballadores de hoxe.

Non din que si hai pensionistas que cobran mais que un traballador é porque puideron cotizar mais no seu día por ser os salarios mais altos e que os traballadores de hoxe, ao non podelo facer, terán o día de maña unha pensión de miseria. Saben moi ben que aí é onde radica o problema e así é como queren eliminar as pensións públicas. Que non nos veñan con que non hai natalidade, porque si son incapaces de xerar postos de traballo para empregar á pouca xuventude que temos, habería mais paro si a houbera, pois non os ían xerar si a natalidade fose maior.

Tampouco teñen en conta que, normalmente, cando se necesitan moitas mais menciñas é na idade de xubilación, polo que aumentarlle o copago nesa época é rebaixarlle moito o poder adquisitivo da pensión aos xubilados de hoxe e mais aos traballadores actuais o día de maña, porque a súa pensión xa será moi baixa debido aos traballos precarios e a pouca cotización.

O problema non é como nolo contan eles, o problema é que non hai vontade política para tomar as medidas que realmente solucionen esta situación anómala na que nos atopamos, porque a súa verdadeira intención é rematar co sistema público de pensións para que fagamos plans de pensións privadas nos bancos; unha verdadeira estafa legal coma as das preferentes, xa que lles podo garantir matematicamente que nunca recuperaremos a cantidade de diñeiro que poñamos, o mesmo que lles pasou aos estafados “preferentistas”.

O único sistema verdadeiramente solidario e igualitario é o que temos actualmente, pois o traballador que paga hoxe as menciñas non tería que pagar nada por elas unha vez xubilado, que, como xa dixemos, é cando mais as necesita. Compre dicirlles a estes personaxes que o Estado que non protexe a educación, a sanidade e non respecta aos seus maiores é un Estado falido, fascista e inhumano, que so se preocupa de recadar diñeiro para os seus dirixentes corruptos e para os seus amos: Os banqueiros.