Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Piden o amaño da N-634 debido ao seu mal estado de conservación

Por 5 Xullo, 2019Sin comentarios

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, demanda o arranxo urxente na N-634 motivo polo cal vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para reivindicar unha actuación que mellore o seu mal estado de conservación.
A rexedora fai esta petición ante o mal estado que presenta o firme e tendo en conta que este é desvío alternativo cando a A-8 presenta problemas coa néboa, como acontece estes días.
A Garda Civil habilita os habituais desvíos alternativos a través da estrada Nacional 634 ao seu paso por Mondoñedo, polo que desde o Goberno local urxen a necesidade de reparar a vía para poder soportar todo este tráfico en condicións de seguridade.
A alcaldesa precisa que a estrada se atopa en moi mal estado, con problema de asfaltado e sinalización, que deben ser reparados de maneira inmediata, polo que lle pide ao Estado un investimento que permita poñerlle fin a esta situación. 
“A vía non está en condicións óptimas para absorber todo o tráfico que derivan no verán ou cando se dan problemas coa néboa, como ocorre estes días, polo que pedimos que coa máxima celeridade acometan as obras que correspondan”, demanda.
A petición que a alcaldesa lle fará á subdelegada xa fora trasladada en anteriores ocasións e o Executivo local xa conseguira o compromiso do Goberno do Estado para levar a cabo o estudo do proxecto para a mellora da seguridade vial na N-634 en abril de 2017. Candia pide que se retome este proxecto canto antes.
No proxecto o Goberno fixa a mellora na seguridade vial da N-634 para a que había previsto un investimento de 2,8 millóns de euros.
A mellora na N-634 incluía a substitución da actual capa de microaglomerado e actuacións de mellora na sinalización, balizamento e defensas. Tamén o acondicionamento e mellora das interseccións, a limpeza e perfilado de cunetas e o pechamento de zonas onde poidan aparecer animais soltos.