Skip to main content
ActualidadeRibadeo

As festas patronais ribadenses celebraranse do 5 ao 8 de setembro

Por 9 Xullo, 2019Sin comentarios


A comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo está formada, por terceiro ano, por Juan José Otero, Avelino Martínez e Marta Saiz. Xunto a eles estivo o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Cultura, Pilar Otero, para amosarlles o apoio do Concello. O rexedor destacou o traballo realizado pola devandita comisión que afronta o seu terceiro ano organizando as festas de San Roque e as de Santa María do Campo. 
O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “por parte do Concello, tanto desde a Área de Cultura como do Concello en xeral, queremos apoiar publicamente o traballo, moitas veces ingrato, pero absolutamente abnegado e decidido destas persoas que son moi poucas, tanto de Juan como Avelino e Marta, por todo o que fixeron nestes anos e como se planifica tamén estas vindeiras festas da patroa e de San Roque”.
O rexedor engadiu que “para este 2019 desde o Concello teñen todo o apoio noso como sempre tanto desde o punto de vista económico, a través desa subvención nominativa que se lles dá, como desde o loxístico en todo o que está na nosa man. Pero tamén quero recordar á hostalería sobre todo para que, como se di habitualmente, se molle con eles cando lles vaian polos locais a pedir algunha axuda porque todos intentamos que Ribadeo estea cheo de xente nas festas tanto da patroa como de San Roque, e é importante a labor que fan eles durante meses antes, planificando e escollendo as mellores orquestras dentro das posibilidades económicas que hai. Teñen o noso apoio decidido como sempre”.
O presidente da comisión de festas, Juan José Otero, dixo que “a xente que queira colaborar con nós, se é monetariamente recibimos as doazóns no Estanco Luxen, na rúa Deputación, ou quen queira tamén pode darnos os donativos a calquera dos tres membros da comisión, a Marta, a Avelino ou a min. Estamos agradecidos de antemán á xente que nos vai votar unha man nese tema”.
Otero anunciou que “nuns días diremos quen vai ser o pregoeiro, que é unha pequena sorpresa. Empezaremos tamén a preparar o cartel de San Roque, que é o seguinte paso, porque é o máis próximo. Pouco a pouco seguiremos cos pasos que temos que ir dando para a organización dos festexos”.
A festa de San Roque será o 16 de agosto e as de Santa María do Campo, a patroa, serán do 5 ao 8 de setembro. O día 9 as atraccións seguirán en Ribadeo a prezos populares para disfrute dos nenos e nenas.