Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro agradece á vecindade o seu apoio trala finalización do Resurrection Fest

Por 11 Xullo, 2019Sin comentarios

Tras a finalización da XIV do Resurrection Fest, dende o concello queremos facer balance e valorar positivamente que a edición máis multitudinaria rematase sen incidentes graves. A coordinación e o intenso traballo desenvolto tanto polos corpos de seguridade como pola propia organización do festival permitiron que todo saíse segundo o previsto e que Viveiro se convertise, un ano máis, no epicentro mundial deste tipo de música. A todos os que velaron pola seguridade de veciños e visitantes ao longo desta intensa semana, a nosa máis sinceira gratitude.
Dende o Concello de Viveiro tamén queremos agradecer publicamente á organización do festival polo gran traballo realizado, por superarse en cada edición e por facer de Viveiro e do Resurrection Fest un fenómeno sociocultural de esta magnitude, batindo nesta edición os seus propios récords con 102.053 entradas en catro días.  
Tamén queremos agradecer ao persoal do concello e empresas concesionarias dos servizos municipais polo seu traballo antes, durante e despois do festival, un traballo que garante a prestación de servizos durante eses días e a volta á normalidade tras o seu remate.
Finalmente, como non podía ser doutra maneira, o noso agradecemento aos veciños e veciñas de Viveiro. Creo que unha parte importante do éxito do Resurrection Fest depende do entorno no que se celebra e da empatía mutua entre visitantes e veciños, dos que cómpre destacar a súa amabilidade, respecto e tolerancia. Nesta mención quero agradecer dunha maneira máis especial aos veciños e veciñas de Celeiro, por seren eles os que “sofren” máis intensamente as medidas adoptadas para garantir a seguridade -con cortes de tráfico e accesos restrinxidosos-, os ruídos e demais consecuencias dun festival evidentemente altera a rutina diaria. 
Grazas a todos por facer posible que novamente o Resurrection Fest sexa un referente internacional para Viveiro e, por suposto, un recordo para Melchor Roel, o anterior alcalde, que foi o primeiro en crer neste festival e apoialo nos seus inicios.