Skip to main content
Actualidade

O PIE Pontes de Emprego II continúa coas súas propostas formativas

Por 11 Xullo, 2019Sin comentarios

O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, continua coas súas propostas de formación para promover e impulsar a incorporación ao mercado laboral de 100 mulleres con dificultades de inserción laboral.
Ao abeiro dun amplo programa de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias, no mes de maio púxose en marcha un curso, de 60 horas de duración, sobre Prevención de Riscos Laborais, no que participaron 10 alumnas, en modalidade mixta, online e presencial.

De xeito simultáneo, outro grupo de 10 alumnas, asistiron a un curso de formación, con prácticas non laborais, sobre actividades auxiliares de almacén e nas que se achegaron a conceptos como a situación das mercadorías, a distribución do almacén e a xestión de pedidos así como ao manexo da carretilla elevadora.

Outro grupo de nove alumnas realizaron un curso de procura de emprego a través de internet, no que aprenderon cuestións relacionadas coas utilidades da internet para a busca de emprego, o uso aplicacións informáticas, emprego de correo electrónico e envío de candidaturas a empresas a través de páxinas web e o rexistro.

Por outra banda, durante o mes de xuño, tamén deu comezo a formación sobre emprendemento para que as usuarias do Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego II” poidan adquirir coñecementos básicos sobre autoemprego e creación de empresas.

O mes rematou co inicio do curso, con prácticas en empresa, de carnicería e chacinaría no que, durante dous meses, as alumnas achegaranse a temas relacionados coa prevención de riscos laborais do sector, o carné de manipulador de alimentos, a teoría relacionada e os cortes básicos de carne e na parte de chacinaría. Unha vez finalizada, darán comezo as prácticas en superficies comercias e carnicerías locais.

O Programa Integrado de Emprego de Galicia, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 35%, inclúe un amplo abano de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias.

O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€ euros polo Concello de As Pontes.