Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Cinco centros da Costa incorporaranse o vindeiro curso ao proxecto do libro dixital

Por 30 Xullo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución definitiva da convocatoria para a selección de centros para sumarse ao proxecto de libro dixital (E-Dixgal) no curso 2019/20, segundo a que se sumarán a este programa un total de 80 centros, dos que 11 pertencen á provincia de Lugo e da Mariña son Barreiros, Foz, Mondoñedo e dous de Xove.
O proxecto E-Dixgal, impulsado pola Consellería e a Amtega, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións, o E-Dixgal chegará o vindeiro curso a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos. 
Cómpre lembrar que a iniciativa vai dirixida aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).
Os centros de primaria que se incorporen impartirán a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria farano en polo menos 6 materias. Ademais, deberán asumir o compromiso de implantar esta modalidade no curso 2019/20 en 5º de educación primaria e/ou 1º da ESO, e de estendela a 6º de primaria e/ou 2º da ESO no 2020/21, mantendo nos cursos seguintes o proxecto educativo dixital neste niveis.
Os centros adscritos a este proxecto disporán da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado (cun PC á súa disposición que poden usar tanto en modo portátil como en modo tableta); e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio. Ademais, desde o curso pasado, tanto alumnado, como familias e profesorado usuario do proxecto E-Dixgal, teñen á súa disposición un Servizo Premium de Atención, Soporte e Acompañamento. 
A relación de centros que se suman ao proxecto pódese consultar no portal educativo e nos seguintes cadros : 
Centros que incorporan o proxecto na etapa de Primaria:
 

Centro Provincia Concello
CEIP Plurilingüe Santa María Lugo A Fonsagrada
CEIP de Bretoña Lugo A Pastoriza
CEIP San Miguel de Reinante Barreiros Lugo Barreiros
CEIP Veleiro Docampo Lugo Castro de Rei
CEIP O Cantel Lugo Foz
CEIP Illa Verde Lugo Lugo
CEIP Álvaro Cunqueiro Mora Lugo Mondoñedo
CEIP Plurilingüe Monte Baliño Lugo Pantón
CEIP Terra Cha Lugo Vilalba
CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán Lugo Xove

 
Centros que incorporan o proxecto na etapa de Secundaria:
 

Centro Provincia Concello
IES Illa de Sarón Lugo Xove

 
FORMACIÓN. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional consciente de que todo cambio metodolóxico precisa da actualización das competencias docentes está a realizar un gran esforzo na formación do profesorado que participa neste proxecto. 
Todo o profesorado dos centros educativos que acceden a E-Dixgal no curso 2019/20 terán formación específica no propio centro que se articulará a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado, para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado. Ademais, realizarase formación específica nos Centros de Formación e Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) específica para o profesorado participante e coordinador no programa E-Dixgal. 
En concreto, durante o curso 2018/19 realizáronse un total de 54 actividades de formación nos CFR e no CAFI á marxe da formación específica nos propios centros educativos, o que supón máis de 700 horas de formación, e emitíronse máis de 1.100 certificacións.